#PonteLovers pon en marcha o Plan Impulsa para reinventar os negocios

Pontevedra
11 de maio 2020

O programa impulsado por Promoción Económica, que dirixe a concelleira Yoya Blanco, estará coordinado pola sherpa empresarial Mariem Filgueira e contará cun programa de sesións grupais e mentorizacións individuais coa intención de aportar coñecementos innovadores

Campaña do programa #PonteLovers Concello de Pontevedra

O Plan Impulsa ponse en funcionamento para que as actividades comerciais de proximidade de Pontevedra exploten o seu potencial. Este proxecto promovido pola concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a concelleira Yoya Blanco, a través da plataforma #PonteLovers establece unha serie de iniciativas destinadas a buscar fórmulas que xeren accións que axuden ao comercio local a  reinventarse.

Profesinales de diversos sectores, coordinados pola  sherpa empresarial Mariem Filgueira, ofrecerán coñecementos para impulsar os negocios locais cunha análise desde diferentes perspectivas. A intención é achegar competencias punteiras en áreas como márketing dixital, ecommerce, escaparatismo, visual merchandising, TIC, alianzas e colaboracións, ademais de hixiene e saúde, financias, traballo en equipo ou fiscalidade e lexislación, segundo sinalan desde o Concello de Pontevedra.

A iniciativa ponse en marcha na primeira fase da desescalada con accións de mentorización individual, asesoramento guiado con software en liña, e tamén con sesións de conexión con responsables doutras empresas e establecementos comerciais do municipio para coñecer as súas experiencias. 

Yoya Blanco entende que o apoio personalizado deste Plan Impulsa permitirá relacionarse coa tecnoloxía e comunicarse mellor cos medios dixitais adaptándose ás novas condicións sanitarias que se xeraron con motivo da expansión do Covid-19.

Segundo sinala a concelleira o equipo que desenvolve este traballo irase adaptando ás necesidades do sector segundo as demandas. Mariem Filgueira, especialista en diagnose, estratexia, innovación e tecnoloxía, a proposta pretende  yudar tanto a comercios como a pequenas e medianas empresas e profesionais que queiran reorientar os seus proxectos de forma que reactiven o seu negocio dentro do marco actual. 

Todas as persoas relacionadas coa hostalería, empresas comerciais e profesionais liberais que queiran participar neste plan pode pedir información e inscribirse no correo: planimpulsa.pontevedra@gmail.com ou no teléfono 625 120 475, ademais de en perfíleos de Facebook (Plan Impulsa) e Instagram (@plan_impulsa).