#PonteLovers conta con seis mesas sectoriais para escoitar as demandas das pemes e negocios de proximidade

Pontevedra
29 de abril 2020

O xoves 30 de abril arrancará a primeira das seis mesas sectoriais coas que a plataforma impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra dará apoio ás pequenas e medianas empresas locais e ao comercio e a hostalería de proximidade para a súa recuperación trala crise sanitaria

Mesas sectoriais convocadas pola Plataforma #PonteLovers Concellería de Promoción Económica e Turismo

O xoves 30 de abril arrancará a primeira das seis mesas sectoriais coas que a plataforma #PonteLovers, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, dará apoio ás pemes locais e ao comercio e a hostalería de proximidade para a súa recuperación trala crise sanitaria.

Estes grupos de traballo centraranse nos sectores do turismo, a hostalería, a alimentación, o comercio e as profesións liberais.

A iniciativa vén de ser presentada pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, coincidindo cun encontro online da Mesa Local do Comercio no que participaron representantes de Aempe, AJE, CCU Zona Monumental, a Cámara de Comercio, a Asociación de Amas de Casa Rías Baixas e os colectivos de comerciantes de Loureiro Crespo e as Galerías Oliva, así como voceiros dos grupos municipais del Partido Popular e Cidadáns.

Durante a reunión, a edil do PSOE informou do traballo que se está a desenvolver dende a súa Concellería de cara a reactivar a economía local unha vez que se levante o estado de alarma e recolleu as propostas dos participantes para lograr unha mellora do tecido produtivo da cidade.

A primeira das reunións sectoriais, que se realizará telemáticamente, centrarase na Hostalería e estará integrada por representantes de ámbitos tan diversos como a alta cociña, as cafeterías, os locais nocturnos ou os servizos a hostelería, distribución de bebidas e seguridade alimentaria, entre outros. "Cuestións como o tratamento dos produtos, o almacenamento e a trazabilidade van ser temas moi importantes a partir de agora", afirma a concelleira Yoya Blanco.

Por este mesmo motivo, deseñouse unha mesa sectorial específica de Alimentación, con profesionais vencellados ao Mercado de Abastos, os produtos gourmet e a alimentación do día a día, como panaderías ou tendas de froita, e mesmo algunha cadea de supermercados local.

Outro dos sectores esenciais, o do Turismo, terá representación de hoteleiros, colectivos de residencias turísticas, axencias de viaxes, consultores e asesores de turismo, organizadores de visitas guiadas e propietarios de aloxamentos turísticos.

A mesa de Comercio, segundo lles avanzou a concelleira de Promoción Económica ás entidades empresariais e comerciais de Pontevedra, "buscará a converxencia de dous mundos que se precisan o un ao outro agora máis que nunca: o dos negocios dixitalizados e virtuais e, no extremo contrario, o dos establecementos tradicionais rexentados por xente de certa idade que non sabe nin o que son as redes sociais e internet". Neste grupo tomarán parte propietarios de ópticas, negocios de mascotas, ferreterías, asociacións de veciños, librarías e tendas de bebés.

O sector relativo aos Profesionais Liberais subdividirase en dúas mesas: unha para aqueles cuxos clientes son outras empresas (asesorías, sherpas empresariais, deseño industrial, soporte informático ou desenvolvemento de APP, entre outras) e unha segunda mesa para os que teñen como clientes ao público en xeral (como inmobiliarias, actividade física e ximnasios, psicoloxía, fotografía, avogacía, arquitectura, veterinaria ou lecer).

Yoya Blanco amosouse "tremendamente satisfeita ante o respaldo social que a plataforma #PonteLovers está a ter en tódolos sectores da sociedade pontevedresa", incorporando nas últimas semanas o apoio de profesionais "como os empresarios Patricia Sierra, Javier Galiano, Jesús Rey, Ángel Sorey e Chus de la Fuente ou os escritores e xornalistas Manuel Jabois, Susana Pedreira, Xabier Fortes, Alexander Vórtice, María Varela, Manel Loureiro, Ana López, Rodrigo Cota, Diana López e Rafa Cabeleira".

A páxina de Facebook da campaña #PonteLovers conta xa con preto de 2.300 seguidores.