Como é o día a día dunha persoa con parálise cerebral? Entendelo resulta moi complicado para moitos, mesmo imposible para algúns, de aí a importancia de actividades como a desenvolvida este xoves na praza da Ferrería de Pontevedra. 'Ponte no meu lugar' permitiu a escolares do colexio de Campolongo e do centro de formación profesional da Xunqueira experimentar na súa propia pel esa vida cotidiana dos usuarios da asociación Amencer-Aspace.
Os nenos máis pequenos do colexio de Campolongo quedaron invadidos pola sorpresa e os estudantes do ciclo de Atención a persoas dependentes do CIFP A Xunqueira, inundados pola emoción de poñer en práctica os coñecementos que levan asimilado desde o inicio do curso académico. Uns e outros foron percorrendo un por un os stands situados pola organización ao longo da praza para amosarlle como é comer cando non ves o que comes ou como se sente unha persoa que se move usando unha cadeira de rodas.
As principais dificultades para comunicarse das persoas con parálise cerebral ou como se usan as ferramentas de apoio ou axudas técnicas que empregan no seu día a día foron outras das experiencias que puideron experimentar estes escolares, todo co obxectivo de coñecer a realidade diaria dos usuarios de Amencer-Aspace como unha vía para derrubar as barreiras e prexuízos que aínda seguen a existir.
A actividade forma parte da programación que Amencer-Aspace con motivo do seu XXV aniversario, que continúa este venres coa celebración dunhas xornadas técnicas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia e unha cea solidaria no Liceo Casino.