Ponte Caldelas reclama unha actuación integral para a PO-255 en Forzáns

Ponte Caldelas
26 de xaneiro 2023

A estrada PO-255 en Forzáns, que utilizan a diario centos de persoas para circular entre Ponte Caldelas e A Lama, non está nun bo estado de conservación. De aí que o goberno municipal entenda que non basta con seguir arranxándoa de xeito parcial

Xuntanza en Ponte Caldelas para abordar a reforma da PO-255 Concello de Ponte Caldelas

A estrada PO-255 en Forzáns, que utilizan a diario centos de persoas para circular entre Ponte Caldelas e A Lama, non está nun bo estado de conservación. De aí que o goberno municipal entenda que non basta con seguir arranxándoa de xeito parcial.

O alcalde, Andrés Díaz, solicitoulle unha xuntanza á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar a necesidade dunha actuación integral na estrada.

Esta reforma, segundo o rexedor, debería ademais contemplar unha senda peonil que una os lugares de Forzáns, Gaxate e Verducido.

A este encontro, Díaz irá co apoio de numerosos colectivos do municipio, entre eles os comuneiros de Forzáns, Gaxate, Xende e Paradela, a Sociedade de Caza da Lama, a Asociación de Veciños de Gaxate e a Asociación de Veciños de Xende e Paradela.

Díaz asegura que o vial está nun "pésimo estado de conservación" e ten unha escasa amplitude de carril, o que fai que atoparse de fronte cun autobús ou un camión "sexa un verdadeiro perigo". 

Denuncia que hai estragos estruturais no pavimento ou sucidade acumulada nas cunetas, que non permite a correcta circulación da auga e provoca que en numerosos puntos as correntes de auga invadan a calzada, incrementando a perigosidade da estrada.

"As boas comunicacións son imprescindibles para continuar asentando poboación no rural galego", recorda o alcalde, que defende que a PO-255 se converta nunha "verdadeira vía de comunicación tanto para vehículos como para peóns", garantindo a súa seguridade.