Ponte Caldelas reclama á Xunta seis millóns para avanzar no saneamento do rural

Ponte Caldelas
27 de outubro 2019

O goberno municipal considera que os orzamentos da Xunta para 2020 deixan sen resolver moitos dos asuntos pendentes que ten o municipio. De aí que o Concello estea a traballar na preparación de varias propostas para emendalos

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, no seu despacho Concello de Ponte Caldelas

O goberno municipal considera que os orzamentos da Xunta para 2020 deixan sen resolver moitos dos asuntos pendentes que ten o municipio. De aí que o Concello estea a traballar na preparación de varias propostas para emendalos. 

A meirande parte das emendas, explica o alcalde Andrés Díaz, recollen asuntos que veñen arrastrándose de anos atrás sen ser atendidos pola Xunta, a pesar de ter sido reclamados "reiteradamente" diante dos respectivos conselleiros ou do presidente galego.

A "principal eiva", apunta Díaz, é a carencia de rede saneamento na maior parte dos núcleos do rural. Para esta cuestión, Ponte Caldelas reclama uns 6 millóns de euros.

Esixen actuacións en Laxoso, A Fraga, Caritel, Forzáns, Aluncía, Esfarrapada, Anceu, Barbudo, Rebordelo, Regodobargo, Chaín, A Insua, A Roca, Coveliño, Parada, Contixe, Mirón, A Pousa, A Sorreira e Portasouto ou as terceiras fases en Baltar e Avecil-Cuñas.

Andrés Díaz asegura que "nunca reclamamos grandes investimentos para o noso pobo, pero o saneamento é moi necesario porque máis da metade do noso pobo está sen saneamento".

En relación á PO 234, os orzamentos da Xunta establecen a cantidade de 1.441.937 euros para tres estradas na comarca e o alcalde solicitará que se detalle que partida irá destinada á terceira fase da estrada, que vai dende a recta de Laxoso ata Portasouto.

A seguinte reclamación é a apertura e posta en funcionamento da Casa da Quintán como centro de maiores ou centro mixto de maiores  e persoas con discapacidade intelectual, para o que se solicita unha partida de só 100.000 euros, toda vez que o edificio está rehabilitado desde hai 10 anos.

A reparación e posta en valor dos pasos tradicionais de Taboadelo, sobre o río Verdugo, cun orzamento de 60.000 euros a cargo a Augas de Galicia; ou outros 60.000 euros para o ornato interior e adecuación do centro de saúde son as outras dúas peticións do Concello.