Ponte Caldelas recadará cartos para os afectados polos incendios

Ponte Caldelas
17 de outubro 2017

Os técnicos municipais elaborarán unhas bases e a formulación xurídica que permita garantir un reparto legal, xusto e transparente entre todos os afectados. Ao tempo, está valorando a organización dun festival solidario que serva para impulsar a recadación

Danos producidos polos incendios en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A través dunha conta bancaria, que se abrirá nos próximos días, o Concello de Ponte Caldelas recadará fondos para os afectados nos incendios do pasado domingo.

Os técnicos municipais elaborarán unhas bases e a formulación xurídica que permita garantir un reparto legal, xusto e transparente entre todos os afectados. Ao tempo, está valorando a organización dun festival solidario que sirva para impulsar a recadación.

Ducias de chamadas recibidas nos últimos días, tanto de veciños como de xente de fóra de Ponte Caldelas, animaron a impulsar esta iniciativa e a mellor fórmula, segundo o Concello, pasa por dar carácter oficial a esta solidariedade, sen prexuízo de que se poidan articular outras opcións por parte dos particulares prexudicados polo lume.

O alcalde, Andrés Díaz, adianta que a prioridade no reparto será para as familias, comezando polas que teñan perdido a súa vivenda ou sufrido danos nela. A continuación situará ás actividades empresariais, dando tamén prioridade aos traballadores autónomos que teñan perdido maquinaria ou instalacións que supoñan o seu medio de vida principal.

O Concello preparará un procedemento administrativo no que se teñan tamén en conta o nivel de ingresos (con informe dos servizos sociais municipais), o importe dos danos (avaliado por informe da arquitecta municipal) e a falta de cobertura por póliza de seguros. Tamén se esixirá que os beneficiarios sexan persoas empadroadas en Ponte Caldelas.  

"Sabemos que é imposible indemnizar a todo o mundo, pero o Concello fará todo o que poida e non vai quedar de brazos cruzados mentres os nosos veciños sofren e ven con incerteza o seu futuro", afirma o alcalde, quen engade que o máis importante é deixar ben claros os criterios de reparto antes de empezar a recadar un só euro.

O Concello xa dispón duns formularios para recoller valoracións preliminares. Aconséllase a todas as persoas e empresas prexudicadas que pasen polas oficinas municipais e enchan os seus datos, achegando fotografías.

Arquivado en