Ponte Caldelas prepárase para o seu desfile de entroido máis multitudinario

Pontevedra
26 de febreiro 2015

O desfile partirá ás 21:00 horas deste venres dende as inmediacións do pavillón municipal

Desfile do entroido en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Máis de 1.200 persoas inscribíronse no desfile de entroido de Ponte Caldelas, previsto para este venres 27 de febreiro e que será o máis concorrido da súa historia.

Ademais dos participantes locais estarán presentes nove comparsas e dez grupos chegados dende Campolameiro, Monte Porreiro, Bora, Poio, Marín, Vilaboa, Pontevedra, A Lama, Soutomaior, Vigo, Sanxenxo e Meis.

O desfile partirá ás 21:00 horas dende as inmediacións do pavillón municipal, en Chan da Barcia, para percorrer as principais rúas do centro urbano e finalizar na Alameda, onde terá lugar a entrega de premios amenizada por unha verbena popular.

Os principais premios económicos son os de comparsas, con 1.000 euros para os gañadores, 600 para os segundos e 380 euros para os terceiros. En grupos as cifras son de 300, 250 e 200 euros, mentres que en parellas e individual son de 100, 70 e 50 euros. En comparsa infantil o grupo gañador levarase 50 euros.

OPERATIVO ESPECIAL DE TRÁFICO

Con motivo do desfile dispúxose un operativo especial de tráfico en Ponte Caldelas, que arrancará ás 19:00 horas coa prohibición de estacionar na Praza de Fornelos de Montes nin no ámbito da Praza de Abastos, Praza de España, Avenida de Vigo, Rúa da Ponte, José López Boullosa, Concepción Areal e Rosalía de Castro.

Todas esas rúas pecharanse ao tráfico ás 21:00 horas ata a conclusión do desfile, a excepción de José López Boullosa, cuxa prohibición se estende dende as 19:00 horas

Arquivado en