Ponte Caldelas pide á Xunta máis investimentos no municipio

Ponte Caldelas
23 de outubro 2024

Segundo informou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o Concello enviou á Xunta as enmendas aos orzamentos para o 2025

Andrés Dïaz, alcalde de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas pide que os Orzamentos da Xunta para 2025 inclúan máis investimentos no municipio.

Segundo informou o alcalde, Andrés Díaz, "enviamos á Xunta as enmendas aos orzamentos" que, entre outras demandas piden que as contas autonómicas inclúan a creación de vivenda pública e o saneamento para os lugares de Laxoso, A Fraga, Caritel, Forzáns, Aluncía, Esfarrapada, Anceu, Barbudo, Rebordelo, Regodobargo, Chaín, A Insua, A Roca, Coveliño, Parada, Contixe, Mirón, A Pousa, A Sorreira, Portasouto, Baltar (terceira fase), Taboadelo (terceira fase) e Avecil-Cuñas (terceira fase).

Andrés Díaz lembra que "o último saneamento que fixo a Xunta en Ponte Caldelas foi na Reigosa fai nove anos".

O Concello tamén reclama a creación dun Centro de Día para persoas maiores en Caritel e a reparación e posta en valor dos pasos tradicionais de Taboadelo, no río Verdugo.

Tamén pide a mellora integral do Centro de Saúde.

Respecto das estradas son varias as peticións: as melloras da PO-532, entre a Ermida e A Reigosa; da carretera interior de Forzáns e pintado da senda peonil e a ampliación da estrada autonómica PO-255 entre Forzáns e Gaxate, incluíndo a creación de cunetas formigonadas e unha senda peonil para unir as dúas parroquias.

A creación de sendas peonís é outra das reclamacións que fai o Concello para que a Xunta constrúa estes itinerarios peonís entre Forzáns e Caritel, entre A Insua e Silvoso, e tamén entre Tourón, Buchabade, Vilarchán e A Reigosa.

De novo repítese a reclamación para que se urbanice a Central de Transportes para convertela en zona industrial de pequenas parcelas

Por último, o Concello de Ponte Caldelas solicita o apoio da Xunta para o mantemento da Área Arqueolóxica de Tourón, do Centro de Interpretación e para a conservación dos petróglifos.