Ponte Caldelas manterase á marxe do proceso de contratación do Plan de Emprego Provincial

Ponte Caldelas
02 de febreiro 2016

Un técnico da Deputación supervisará o proceso final de selección dos catorce aspirantes. Os contratos comezarán en marzo e prolongaranse ata o mes de outubro cun salario neto mensual de case 800 euros

Operarios municipais limpan o parque infantil de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ata catorce persoas incorporaranse o próximo de marzo como traballadores do Concello de Ponte Caldelas a través do Plan de Emprego Provincial. Desta forma, será a Deputación a que realice a selección do persoal de acordo ás bases establecidas e por tanto segundo esta administración local "manterase por completo ao marxe para evitar calquera inxerencia". 

As prazas son para sete albaneis, seis peóns de roza e un condutor para manexar maquinaria municipal. Os candidatos deber estar en situación de desemprego remitidos desde a Oficina de Emprego. Serán sometidos a varias probas prácticas relacionadas co posto para desempeñar.

O contrato será entre marzo e outubro cun salario neto mensual próximo aos 800 euros. A relación de aspirantes e a puntuación das probas de selección publicaranse  no taboleiro de anuncios do Concello e na súa web. 

Este plan provincial é a única posibilidade de contratación para o concello caldelano, dadas as novas directrices de estabilidade orzamentaria establecidas polo goberno central.

"Deste xeito poderemos dar resposta a moitas das peticións que nos están facendo os veciños nas distintas xuntanzas que realizamos ao tempo que tamén daremos resposta a un dos nosos compromisos coa cidadanía como é a loita contra o desemprego", sinalou o alcalde Andrés Díaz.

Grazas a estas contratacións, pequenos concellos como o Concello de Ponte Caldelas poden acometer obras de limpeza, acondicionamento, reparación e mantemento de infraestruturas municipais.