Ponte Caldelas mantén o rexistro da propiedade

Ponte Caldelas
09 de maio 2018

O Concello impulsou un acordo para alugar a prezo reducido o inmoble da antiga sede de Turismo, converténdoa así na oficina na que toda a veciñanza da bisbarra realizará os trámites oficiais relacionados coa propiedade inmobiliaria

Andrés Díaz e Cristina Rollán ante a nova sede do Rexistro da Propiedade Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas seguirá tendo oficina de Rexistro da Propiedade, ameazada ata agora polo decreto estatal de fusións.

O peche descártase tras unha xestión do goberno local que impulsou un acordo para alugar a prezo reducido o inmoble da antiga sede de Turismo, converténdoa así na oficina na que toda a veciñanza da comarca realizará os trámites oficiais relacionados coa propiedade inmobiliaria.

A iniciativa púxose en marcha o pasado ano e tivo que comezar coa regularización da situación administrativa do inmoble, debido a que seguía inventariado como matadoiro municipal, a pesar de que hai décadas que deixou de ter este uso, e escenificouse coa firma do contrato de aluguer entre o alcalde e a rexistradora da propiedade de Redondela e Ponte Caldelas, Cristina Rollán.

Esta oficina abrirá ao público previsiblemente en setembro, permitindo manter en nómina ás tres empregadas actuais.

A atención ao público prestarase en horario de 9:00 a 17:00 horas de luns a venres.

O Rexistro da Propiedade realiza todos os trámites de inscrición de documentos inmobiliarios, ademais da expedición das notas simples e as certificacións. Funciona, ademais, como oficina caixa de correos da Axencia Tributaria Galega.