Ponte Caldelas liquida o Orzamento de 2018 e presume dun récord absoluto de investimentos

Ponte Caldelas
21 de marzo 2019

O alcalde, Andrés Díaz, asinou o decreto de Liquidación do Orzamento 2018.A liquidación orzamentaria de 2018 supón un resultado positivo (ingresos menos gastos) de 239.049 euros e reflicte un grao de execución dos gastos previstos próximo ao 79%, o que dá idea da intensa actividade desenvolvida nun ano sen precedentes 

Casa Consistorial de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas acaba de dar por liquidado o Orzamento 2018 e, pechadas as contas, presume de ter feito un récord histórico de investimentos, "marcando un antes e un despois na proxección orzamentaria do municipio".

O alcalde, Andrés Díaz, asinou o decreto de Liquidación do Orzamento 2018 e subliñou que este fito non podería terse levado a cabo sen a implicación do persoal municipal, ao que agradece expresamente o esforzo e dedicación para a licitación das numerosas obras executadas.

Segundo a información facilitada polo Concello, obras como a da praza de España e as pavimentacións en marcha en todas as parroquias do rural dispararon o importe das obras de 2018 ata superar os 1,8 millóns de euros (alcanzando preto dun 23% do gasto total do Concello).

A liquidación orzamentaria de 2018 supón un resultado positivo (ingresos menos gastos) de 239.049 euros e reflicte un grao de execución dos gastos previstos próximo ao 79%, o que dá idea da intensa actividade desenvolvida nun ano sen precedentes. O informe  da interventora municipal destaca tamén que Ponte Caldelas pode presumir dun período medio de pago aos seus provedores "moi dentro do abano no dos prazos que marca a normativa sobre  morosidade para  as Administracións Públicas".

 O informe de Intervención subliña que o Orzamento de 2018 liquidouse cun saldo de 1,2  millóns  de euros, o que sitúa a capacidade de endebedamento municipal ao 77%, cunha ampla marxe de manobra financeira. 

O Goberno local destaca o apoio da Deputación Provincial a través do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos e tamén chama a atención sobre o feito de que Ponte Caldelas é o único concello de toda a provincia que  xa ten adxudicadas e en marcha todas as obras do Plan Concellos 2018 e 2019.