O Concello de Ponte Caldelas mantén activo un servizo de repartición de aqueles produtos que precisen os veciños que se atopan en corentena, ben por seren positivos en covid-19 ou por ter mantido contacto cun doente.
Nesta segunda vaga da pandemia contabilízanse en Ponte Caldelas 20 persoas positivas e unhas 60 en corentena. Neste sentido, o alcalde, Andrés Díaz, manifesta a súa intención de "que todas as persoas que teñen que pasar un confinamento por enfermidade ou por prevención poidan facelo da mellor maneira posible e por iso poñemos á súa disposición o teléfono do Concello para que informen de calquera necesidade".
Todas as persoas veciñas de Ponte Caldelas que precisen deste servizo poden chamar ao teléfono 986750013 - extensión 2, onde lles atenderá a concelleira Leticia Rocha.
O alcalde lembraba algúns dos recados para os que están dispoñibles como "facerlles a compra, ir á farmacia a por medicamentos, recoller os partes de baixa no centro de saúde ou incluso levarlles libros da Biblioteca Municipal se queren estar entretidos durantes os días da corentena".
Andrés Díaz e o concelleiro Pepe Garrido iniciaron no tempo de confinamento da primeira onda da covid esta repartición a domicilio de alimentos e medicamentos ás persoas máis vulnerables, como maiores ou enfermos crónicos. Tamén se encargaron do reparto e recollida de deberes os rapaces dos colexios Manuel Cordo Boullosa e Reigosa e do Instituto, así como a entrega dos libros de texto, entre outras moitas accións.