Ponte Caldelas intensifica a promoción do petróglifo coñecido como "A Pedra do Cervo"

Ponte Caldelas
24 de xullo 2014

A Pedra do Cervo é un petróglifo que, a pesar dos anos e a acción do home e a climatoloxía, se mantén en perfecto estado de conservación e cunha moi boa definición que pode ser apreciada a simple vista polo visitante

Nova sinalización do petróglifo coñecido como "A Pedra do Cervo" Concello de Ponte Caldelas

Operarios do Concello de Ponte Caldelas acaban de instalar sinais indicativos da situación do petróglifo coñecido como "Pedra do Cervo", no monte comunal de Pé da Múa, en Cuñas, para promover de forma adecuada a súa visita por parte daquelas persoas que queiran admirar unha das pezas máis emblemáticas da arte rupestre no municipio.

Simultaneamente, editáronse uns folletos explicativos das características deste emblemático gravado e que contan tamén cun esbozo e un mapa de situación para unha doada localización por parte dos visitantes. Estes dípticos están sendo distribuídos dende a Oficina de Turismo, que aproveita a presenza de turistas para ofrecerlles a posibilidade de coñecer este petróglifo así como a área arqueolóxica de Tourón.

O petróglifo Pedra do Cervo foi obxecto hai uns meses dunha actuación de recuperación e posta en valor levada a cabo pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponte Caldelas que supuxo a limpeza do petróglifo levada a cabo polo servizo de arqueoloxía da Institución provincial, e que culminou coa colocación, por parte de operarios municipais, dun peche perimetral do espazo que rodea este gravado rupestre e un gran panel explicativo para unha mellor comprensión desta obra de arte pétrea.

A Pedra do Cervo é un petróglifo que, a pesar dos anos e a acción do home e a climatoloxía, se mantén en perfecto estado de conservación e cunha moi boa definición que pode ser apreciada a simple vista polo visitante. ÿ unha das manifestacións máis singulares que existen na arte rupestre en Galicia pola precisión plástica da técnica empregada así como o seu gran tamaño (é unha das pezas de cervo máis grandes que se conservan).

Para os expertos, a importancia desta pedra non só reside na beleza intrínseca do gravado e ao misticismo que transmite senón ao poder de captación da atención do que a contempla. Seguramente, tamén foi isto o que lle serviu de indulto ante a acción destrutiva dun canteiro anónimo que iniciou no seu día traballos de perforación na pedra, pero ao decatarse das graves consecuencias da súa actuación, decidiu cesar no seu empeño.

Arquivado en