Ponte Caldelas homenaxea os "heroes da noite dos incendios"

Ponte Caldelas
30 de outubro 2017

Un sinxelo acto institucional celebrado no Concello de Ponte Caldelas serviu este luns para homenaxear á Garda Civil, ao 061 e a todos os empresarios e cidadáns de a pé, moitos deles anónimos, que participaron "nun combate heroico" durante a noite dos incendios, o pasado domingo día 15, e que, en palabras do alcalde, "salvaron vidas"

Ponte Caldelas homenaxea aos "heroes da noite dos incendios" Concello de Ponte Caldelas

Un sinxelo acto institucional celebrado no Concello de Ponte Caldelas serviu este luns para homenaxear á Garda Civil, ao 061 e a todos os empresarios e cidadáns de a pé, moitos deles anónimos, que participaron "nun combate heroico" durante a noite dos incendios, o pasado domingo día 15, e que, en palabras do alcalde, "salvaron vidas".

A homenaxe do goberno local comezou cunha entrega de insignias de prata do Concello e un recoñecemento moi especial á Garda Civil, encabezada polo seu tenente coronel, Manuel Touceda, con agradecemento moi concreto ao sarxento do posto de Ponte Caldelas, Javier Márquez. Asistiron non só os axentes do cuartel, senón tamén os máximos responsables da comandancia en materia de Tráfico, Servizo Marítimo, Información, Policía Xudicial, etcétera. Houbo mención tamén para o policía local, Pablo Mariño, que se desprazou dende Santiago para reforzar o dispositivo de seguridade nesa noite crítica.

Houbo tamén unha emotiva mención aos traballadores do servizo do 061, personificados na base medicalizada de Pontevedra e o TES de Redondela, que coas súas ambulancias cruzaron a liña de lume que cortaba as estradas e acudiron a reforzar a atención médica na Casa da Cultura, onde estaban as 50 persoas evacuadas esa noite. Ao igual que Cristina, do Servizo de salvamento Marítimo, que fixo de enfermeira e acudiu cun desfribilador e ofreceu os primeiros coidados ás persoas que tiñan queimaduras leves, erosións, raspóns, ollos irritados, intoxicacións por inhalación de fume e crises de ansiedade.

O alcalde destacou o papel dos operarios municipais, que a bordo da vella motobomba e o remolque alxibe, combatiron o lume en primeira liña. E quixo agradecer explicitamente o apoio da empresa Caldevergazo, personificada no seu máximo responsable, Juan Carro, quen cando recibiu a chamada pedindo a motobomba e alxibe do parque de maquinaria desta empresa respondeu que xa estaban operativos e na nave de obras do Concello.

Recibiron tamén os pins os responsables dos locais de hostalería que deron a cea e o almorzo aos evacuados: o pub La Parada e as cafeterías Aries e La Cucharita, así como as persoas voluntarias que se presentaron para ocuparse deles, como Isabel Pregal e a súa filla Kelly, e Selene Domínguez.

Houbo agradecementos tamén para a banda de gaitas Os Coribantes pola achega de mantas, para a gasolinera de Pazos e para algunhas persoas que prefiren manter o anonimato ou non puideron acudir por obrigas laborales. A todos eles, a maioría veciños de Ponte Caldelas, o goberno local expresoulles o seu agradecemento.

O alcalde subliñou que Ponte Caldelas sufriu o lume en máis de 20 dos seus 33 núcleos de poboación e, en todos eles, déronse situacións heroicas de veciños axudando a outros veciños e comportándose como unha sociedade organizada como un todo e solidaria para axudarse e auxiliarse os uns aos outros. Diante da imposibilidade de homenaxealos e recoñecelos a todos eles, o Concello colocou unha placa no salón de plenos "aos heroes anónimos de Ponte Caldelas, que deron a batalla contra o lume nos incendios de outubro de 2017".

O acto institucional, que tivo un ton moi emotivo, evitou calquera crítica polo acontecido.

Arquivado en