Ponte Caldelas estrea o novo Rexistro da Propiedade no local da antiga oficina municipal de Turismo

Ponte Caldelas
22 de novembro 2018

O Rexistro da Propiedade de Ponte Caldelas está de estrea. Abriu as súas portas no seu novo local, situado na antiga sede municipal de Turismo. Nela poderán realizar os trámites oficiais relacionados coa propiedade inmobiliaria todos os veciños da comarca

Ponte Caldelas estrea o novo Rexistro da Propiedade no local da antiga oficina municipal de Turismo

O Rexistro da Propiedade de Ponte Caldelas está de estrea. Abriu as súas portas no seu novo local, situado na antiga sede municipal de Turismo. Nela poderán realizar os trámites oficiais relacionados coa propiedade inmobiliaria todos os veciños da comarca.

Para poder habilitar esta sede, o Concello tivo que regularizar a situación administrativa do inmoble, posto que seguía inventariado como matadoiro municipal, a pesar de que había décadas que deixara de ter este uso.

A continuación, asinouse un contrato de alugueiro en condicións moi vantaxosas coa rexistradora de Redondela e Ponte Caldelas, Cristina Rollán, e esta semana, finalmente, quedou inaugurado.

O acordo despexou o risco de desaparición do rexistro local e a súa refundición co redondelán. Ademais permitiu manter en nómina ás tres traballadoras de Ponte Caldelas e mesmo ampliar o horario de atención ao público que, a partir de agora, é de 9 a 17 horas de luns a venres.

O rexistro, que naceu en 1861, gaña tamén en funcionalidade co novo local, que foi obxecto dun pequeno acondicionamento e que conta cunha situación céntrica e idónea.

No seu arquivo hai 248 tomos, 146 deles auténticos incunables escritos a pluma e con encadernado artesán, todos eles dilixenciados polo antigo xuíz de primeira instancia de Ponte Caldelas. A colección está restaurada pero tamén dixitalizada para a súa rápida consulta. 

Aglutina máis de 40.000 anotacións relacionadas cos traspasos de propiedades ao longo destes case dous séculos dende a súa fundación, e segue a xogar un papel importante na vida diaria dos cidadáns, pois realiza todos os trámites de inscrición de documentos inmobiliarios, ademais da expedición das notas simples e as certificacións.

Funciona, ademais, como "oficina buzón" da Axencia Tributaria Galega, o que significa que alí se presentan todos os documentos relacionados coa liquidación dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, ademais do imposto de sucesións.