Ponte Caldelas espera 100 fogueiras de San Xoán e San Pedro

Ponte Caldelas
21 de xuño 2022

Todas as persoas que prendan as fogueiras deberán contar coas correspondentes medidas de seguridade e a finca na que se prenda a cacharela debe estar perfectamente acondicionada

Fogueira de San Xoán en Laxoso, Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas recibiu un total de 100 peticións para a realización de fogueiras de San Juan e San Pedro, unha vez finalizado o prazo para realizar as comunicacións necesarias.

Segundo lembra o goberno local todas as persoas que acendan as fogueiras deberán contar coas correspondentes medidas de seguridade e a finca na que se acenda a fogueira debe estar perfectamente acondicionada.

Entre as medidas esixidas atópase a distancia mínima da fogueira a vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas, que será de 20 metros, mentres que a altura máxima da fogueira será de 2 metros e o seu diámetro dun máximo de 4 metros.

Ademais, as fogueiras deberán estar vixiadas en todo momento ata a súa total extinción.

Como medida de prevención o vehículo motobomba do Concello e dous operarios permanecerán de garda durante a noite por se fose necesario intervir.