Ponte Caldelas e Vilagarcía recibirán axudas para retirar símbolos franquistas

Ponte Caldelas
22 de decembro 2021

Sete concellos da provincia, entre eles Ponte Caldelas e Vilagarcía de Arousa, son os beneficiarios das axudas aprobadas pola Deputación de Pontevedra para retirar simboloxía franquista de diferentes construción no seu espazo público

Fonte lavadoiro Maceira (Ponte Caldelas) e cruz da igrexa parroquial de Santa Baia (Vilagarcía) Deputación de Pontevedra

Sete concellos da provincia, entre eles Ponte Caldelas e Vilagarcía de Arousa, son os beneficiarios das axudas aprobadas pola Deputación de Pontevedra para retirar simboloxía franquista de diferentes construcións no seu espazo público.

A deputada de memoria histórica, María Ortega, destacou que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón na simboloxía e no interese por retirar elementos que están vencellados coa ditadura e por cumprir os principios de "verdade, xustiza e reparación".

Na maior parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falanxe (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que segundo Ortega "foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura".

Tamén hai elemento das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.

No marco destas axudas, Ponte Caldelas recibirá uns 10.000 euros para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira, en Silvoso, unha construción que ten na súa fronte unha pedra gravada co xugo e as frechas da Falanxe. 

Ademais, demolerase a estrutura existente, piares e cuberta para substituílas por unhas novas, e acondicionarase mediante chorreado ademais de forrar de pedra as paredes de formigón.

Vilagarcía, pola súa banda, retirará a cruz acaroada á fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, para o que recibirá uns 6.000 euros.

Segundo se explica na memoria do proxecto de retirada, a cruz é un elemento engadido durante a época franquista que carece de autoría e interese artístico.

Os traballos realizaranse co asesoramento e colaboración da restauradora Iria López Baltar, que abordará inicialmente unha prospección da fachada de pedra.

A fase de restitución da superficie dependerá do resultado da fase de retirada, en función dos elementos que estean fondamente incrustados á fachada, traballando con buxardas, e valorando a posibilidade dun encaixe para a eliminación das letras no caso de ser necesario.