Ponte Caldelas desafecta a antiga sede de Turismo para acoller o Rexistro da Propiedade

Ponte Caldelas
25 de maio 2017

O goberno local tripartito acordou coa profesional responsable do servizo do Rexistro da Propiedade a sinatura dun contrato de aluguer, a prezo simbólico, neste inmoble que levaba sen uso dende hai varios anos

O alcalde Andrés Díaz na antiga sede de Turismo de Ponte Caldelas

Os veciños de Ponte Caldelas van evitar os desprazamentos a Redondela para realizar os trámites relacionados coas súas propiedades inmobiliarias despois de que o goberno local teña chegado a un acordo coa profesional responsable do servizo do Rexistro da Propiedade para asinar un contrato de aluguer, cun prezo simbólico, que lle permita usar a antiga sede de Turismo, que levaba varios anos sen uso.

Esta medida abarata o custo de aluguer que mantiña a rexistradora da propiedade e, por este motivo, poderá manter o servizo.

A rexistradora comprométese a garantir a continuidade laboral das tres traballadoras que atenden en Ponte Caldelas por medio dunha rotación que as levará tamén a realizar servizos en Redondela. 

Este mesmo xoves, o goberno tripartito levará a pleno a desafectación do edificio, que segue inventariado como matadoiro municipal, a pesar de que o seu último uso foi como sede de información turística.

O contrato de aluguer estará condicionado á permanencia do servizo que o Concello de Ponte Caldelas considera moi importante e ao que non está disposto a renunciar. O alcalde Andrés Díaz sinala que o de Ponte Caldelas era o único rexistro que estaba previsto eliminar en toda a provincia, ao non chegar ao mínimo de mil documentos anuais recollido na normativa estatal.