Ponte Caldelas denuncia que a Xunta segue a bloquear a Central de Transportes

Ponte Caldelas
12 de novembro 2017

Un ano despois de presentar unha proposta técnica para reactivar a Central de Transportes e Ponte Caldelas, o goberno municipal denuncia que a Xunta de Galicia segue a bloquear os plans empresariais para esta parcela do polígono da Reigosa

Polígono A Reigosa PontevedraViva

Un ano despois de presentar unha proposta técnica para reactivar a Central de Transportes de Ponte Caldelas, o goberno municipal denuncia que a Xunta de Galicia segue a bloquear os plans empresariais para esta parcela do polígono da Reigosa.

Os empresarios interesados en instalarse nestes terreos están a sufrir, segundo o Concello, o "desinterese" do goberno galego na adaptación da ordenanza urbanística e dos planos que regulan as condicións de edificación nestes 86.963 metros cadrados de solo industrial.

O Concello redactou unha proposta técnica en novembro de 2016 para corrixir as carencias na normativa urbanística aplicable, que é competencia exclusiva da Xunta, nos terreos propiedade da administración autonómica a través da sociedade Xestur.

Diante da falta de resposta, en xullo deste mesmo ano aprobouse unha moción no pleno para solicitar da Xunta a realización duns trámites "sinxelos" e que poderían terse sacado adiante "nun escaso período de tempo". Foi aprobada polos votos favorables do goberno local, mentres o PP votou en contra. Un ano despois "todo continúa parado", di o Concello.

A nova ordenación urbanística, solicitada por Ponte Caldelas, permitiría a subdivisión das cinco grandes parcelas da Central de Transportes, inaugurada en 2005, en decenas de subparcelas moito máis acaídas á demanda. Sen embargo, para iso é necesario fixar os criterios de aliñacións de fachadas, distancias aos lindeiros, fondo edificable e tipoloxía dos muros, entre outros parámetros urbanísticos.

O alcalde, Andrés Díaz, recalca que ademais de solicitar formalmente esta modificación, o Concello tena tamén solicitado de xeito verbal en numerosas ocasións.

"A realidade é que hai case media ducia de empresarios interesados en construír pequenas naves na Reigosa e non poden facelo porque a Xunta non fai os deberes e iso paraliza non só o aproveitamento duns terreos cuxa urbanización custou 3,5 millóns de euros, senón que paraliza tamén a creación de postos de traballo en Ponte Caldelas", asegura o alcalde.

Nos doce anos que os terreos da Central de Transportes levan no mercado, recordan desde o goberno local, Xestur "non foi quen de vendelos a pesar das sucesivas rebaixas de prezo", polo que existen consenso entre todas as partes de que a "única saída" está en redeseñar o proxecto inicial e dar cabida a naves de menor tamaño e formato.

A única gran parcela vendida en todo este tempo foi para a instalación dunha gasolineira, proxecto que xa está en trámites para a obtención da licenza municipal.

Arquivado en