Ponte Caldelas coordinará con Cáritas a conta solidaria para os afectados polos incendios

Ponte Caldelas
20 de outubro 2017

En tres meses, Ponte Caldelas repartirá as axudas que se recaden a través da conta solidaria que se acaba de abrir en colaboración con Cáritas. Así o estima o alcalde da vila, Andrés Díaz. Será, en todo caso, unha vez resoltas as solicitudes que se presenten diante da Xunta de Galicia e das compañías de seguros

Andrés Díaz e Manuel Lois, responsable de Cáritas en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

En tres meses, Ponte Caldelas repartirá as axudas que se recaden a través da conta solidaria que se acaba de abrir en colaboración con Cáritas. Así o estima o alcalde da vila, Andrés Díaz. Será, en todo caso, unha vez resoltas as solicitudes que se presenten diante da Xunta de Galicia e das compañías de seguros.

As axudas que se recaden nesta campaña solidaria teñen como obxectivo prioritario atender as situacións de necesidade que, polas razóns que sexan, non estean cubertas polas vías oficiais.

O número de conta é ES98 0238 8290 7107 0061 5659. Nos ingresos debe incluírse obrigatoriamente o concepto "Incendios".

Despois de estudar todas as opcións, o goberno local entende que a colaboración cunha ONG é a fórmula idónea para axilizar a xestión desta campaña solidaria e evitar a lenta burocracia que implicaría o cumprimento de toda a normativa sobre subvencións, procedemento administrativo e réxime local se a conta estivese aberta a nome do Concello.

Máis aínda, engaden, cando xa hai outras subvencións convocadas por outras administracións.

O reparto será realizado por unha comisión mixta Concello-Cáritas, unha vez valoradas as peticións cos informes previos dos servizos sociais municipais, a efectos de nivel de ingresos dos solicitantes, e da arquitecta municipal, a efectos de comprobación do valor dos danos producidos. Teranse en conta cuestións humanitarias, tendo moi presente o criterio de Cáritas.

A listaxe final será publicada para garantir a máxima transparencia, con indicación exhaustiva dos gastos realizados, pero respectando a identidade de todos os beneficiarios, cuxos nomes non se darán a coñecer.

Arquivado en