Ponte Caldelas celebra o martes o festival infantil de entroido na Alameda

Ponte Caldelas
16 de febreiro 2015

Continúa aberto o prazo para inscribirse no concurso de disfraces e no desfile de carnaval que se celebrará en Ponte Caldelas o venres 27 de febreiro

Desfile do entroido en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas celebrará o Festival Infantil de Entroido este martes a partir das 17 horas na Alameda da localidade onde haberá ambientación musical e diversión cos máis pequenos da casa como protagonistas. No caso de que o mal tempo impedise a súa celebración trasladaríase ao colexio Cordo Boullosa da localidade.

Os nenos deberán ir disfrazados e poderán participar nas distintas actividades lúdicas deseñadas polo Concello de Ponte Caldelas para facer máis divertida e participativa a celebración do popular Entroido entre os nenos do municipio.

Por outra banda, o Concello de Ponte Caldelas decidiu atrasar a tradicional data de celebración do habitual desfile de Entroido ao venres 27 de febreiro motivado polo gran éxito de participación rexistrado o pasado ano, cando se postergou pola choiva. Así, o que se pretende é conseguir maior afluencia de público e participación para dar máis actividade económica á hostelería. Para iso tamén se rematará o desfile cunha verbena na Alameda coa actuación da orquestra Miramar.

O desfile partirá ás 21 horas desde as inmediacións do pavillón municipal de deportes, en Chan da Barcia, e tras percorrer as principais rúas do centro urbano de Ponte Caldelas finalizará na Alameda.

Así mesmo, para aumentar o efecto chamada desta tradicional cita festiva na comarca, o Concello de Ponte Caldelas incrementou un 20% a dotación económica dos premios que alcanzarán nesta edición unha montante total de 3.000 euros.

Todas aquelas persoas, grupos e comparsas que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do xoves 26 de febreiro. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.pontecaldelas.org e deberá ser presentado no Consistorio ou por fax (986 75 00 20).

Arquivado en