Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Caldas de Reis conciencian contra a violencia de xénero

Ponte Caldelas
24 de novembro 2020

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller os concellos de Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Caldas de Reis  organizaron actividades para concienciar a toda a veciñanza da problemática que supón esta lacra social

"Caravana morada" diante do concello de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller os concellos de Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Caldas de Reis organizaron actividades para concienciar a toda a veciñanza da problemática que supón esta lacra social.

Ponte Caldelas instalou dúas sinais de 'STOP á Violencia de Xénero'. A primeira delas está ubicada entre a Alameda e a Praza da España e a segunda no edificio do Concello.

Por outra parte, elaboráronse chapas co lema 'Corta coa violencia de xénero' que se poden recoller no edificio do Concello. Ademais, a Fonte Bailarina, o Chafarís e a pérgola iluminarán, dende esta mesma noite, na cor lila para implicar a toda a cidadanía na loita contra as desigualdades entre mulleres e homes.

CAMPO LAMEIRO

Un vídeo da actriz galega Isabel Risco protagonizará os actos conmemorativos do 25-N en Campo Lameiro xunto coa recepción á "Caravana Morada" que estará operativa e de xeito itinerante polo municipio en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas ofrecendo unha xornada de sensibilización e visibilidade cidadá das políticas activas pola igualdade.

O traballo audiovisual, difundido na páxina web do Concello, reflexiona sobre a necesidade de poñer fin dun xeito radical e definitivo ás violencias machistas facendo un chamamento ás conciencias.

CALDAS DE REIS

Pola súa banda, o Concello de Caldas De Reis reitera neste 25 de novembro nun manifesto o seu compromiso para erradicar as violencias contra as mulleres, así como a súa obriga de combatelas con todos os recursos dispoñíbeis ao seu alcance.