O Concello de Ponte Caldelas decidiu organizar un festival musical solidario co obxectivo de seguir recadando fondos cos que alimentar a conta para atender aos damnificados polos incendios que afectaron a 25 dos 33 núcleos de poboación do municipio.
O goberno local tripartito xa conta coa colaboración dunha orquestra que actuará gratuítamente. Ao mesmo tempo está mantendo contactos con algúns artistas. Os grupos ou cantantes que estean interesados en actuar, de xeito altruísta, poden poñerse en contacto co Concello nos próximos días ata o peche do cartel definitivo.
O alcalde, Andrés Díaz, adianta que o festival celebrarase, en función dos detalles de organización, nunha data que estará entre os meses de novembro ou decembro. Será nas instalacións da discoteca Mica (antiga Reyvi) e os asistentes terán que pagar unha entrada solidaria. Toda a recadación irá a parar á conta que Cáritas, en colaboración co Concello ten aberta no Banco Pastor co número ES98 0238 8290 7107 0061 5659. Volve lembrarse que todas as doazóns que se fagan deben incluír o concepto "Incendios".
Trátase dunha iniciativa solidaria máis que se suma ao mercadiño que este mesmo sábado, día 28, vaise celebrar no pavillón municipal coa organización da Asociación de Veciños de Pazos de Borbén. Nese mercadiño incorporarase tamén o material recadado por esta asociación e tamén parte do material doado ao propio Concello nos últimos días, unha vez que xa están atendidas todas as necesidades de roupa e comida das dúas familias realoxadas e persoas máis afectadas.
O Concello, coa intención de coordinar ao máximo a axuda e optimizar todos os recursos, invita a todas as familias e veciños que puideran ter sufrido perdas importantes durante os incendios e que necesiten roupa a que se poñan en contacto para facilitárllela de xeito gratuíto o venres pola tarde, durante a montaxe do mercadiño. Para elo só teñen que chamar ao teléfono 986 767235 e dar os seus datos previamente.
Paralelamente, o Concello está asignando tamén un grupo de voluntarios para reforzar a atención ao público neste mercadiño, pois os membros da Asociación de Veciños de Pazos están a recibir moitas chamadas e temen quedar desbordados.