Todo está preparado xa en Ponte Caldelas para a fin de semana grande da Festa da Troita. Tras quentar motores durante todo o mes coas degustacións polo rural, a Alameda da vila converterase estes días no epicentro dunha chea de actividades gastronómicas e culturais.
Un ano máis, a Praza de España e a Alameda contan cunha especial iluminación que se acenderá con motivo da Festa da Troita e que se manterá durante todo o verán, ata setembro. Este ano tamén se instalou unha iluminación branca que cubre toda a Rúa da Igrexa.
Haberá posibilidade de degustar troitas fritidas e en escabeche durante o sábado e o domingo. O sábado, o stand abrirá a partir das 19:00 horas e o domingo farao en horario de 12:00 a 14:30 e de 19:00 a 21:00 horas. Os prezos continúan sendo populares e a ración de troitas, con pan e un vaso de viño ou botella de auga mantéñense nos 3 euros.
As actividades comezarán mañá venres, ás 21:30 horas, co concerto de presentación do terceiro disco dos Coribantes. A actuación musical enmárcase dentro do I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas, que terá tamén concertos durante a xornada do sábado e do domingo.
O sábado as actividades comezan ás 8:30 horas, cando se inicia o concurso internacional de pesca deportiva na súa categoría sénior e veteranos. O concurso está organizado pola Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas.
A partir das 17.30 horas comezan as exhibición de baile de grupos locais, nas que participarán o Club Treboada, o grupo de baile moderno do colexio público A Reigosa, o grupo de baile rexional Escola de Bailes Tradicionais Trouleada de Ponte Caldelas, o grupo de baile infantil da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade, o grupo de bailes de salón Máis Que Baile e o grupo de bailes de salón Ponte Caldelas Baila.
Ás 20:00 horas será o Certame de Corais, que por primeira vez se realiza na Alameda de Ponte Caldelas. Participarán a Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas, a Coral Polifónica Ventos do Val de Mos e a Coral Trasdeza de Silleda.
A continuación dará comezo a segunda xornada do I Festival Troita Folk, que contará coas actuacións do grupo de baile da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o Grup Folkloric Sa Colla de Buscastell de Ibiza.
Unha verbena coa orquestra Alianza e a Eme Music Disco Móvil, co DJ David Expósito de Radio Lider, pechará a xornada a partir das 23:00 horas.
O domingo o concurso de pesca comeza ás 9:00 horas na categoría feminina, xuvenil e infantil.
Ás 12.00 horas comeza o pasarrúas coa Banda de Música de Meaño, ás 13.00 horas terá lugar a entrega de trofeos do campionato de pesca na Alameda de Ponte Caldelas e rematará o acto co concerto da citada Banda de Música ás 13.30 horas.
A actividade de clausura será o concerto de Cantos de Taberna cos grupos Catro Ventos e Cantanascroas, que se enmarca no I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas.
A Casa da Cultura acolle tamén ata o domingo 29 a exposición Esmalte ao Lume e Vitrofusión. Da man de Olga Durán e Isabel Perea amósase a expresión artística dunha técnica cada vez máis rara e que mesmo corre o risco de perderse. Pezas de bixutería e cadros forman esta mostra que está aberta en horario de mañá e tarde.