Ponte Caldelas anuncia que este será o ano con máis investimentos da súa historia

Ponte Caldelas
23 de febreiro 2021

Unha das primeiras actuacións é a mellora da avenida de Galicia, que arrincaba esta semana, e nos vindeiros días comezará tamén a reforma da estrada do Balneario, dúas obras que se levarán a cabo financiadas nun 80% con Fondos Europeos

O alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz informa da situación económica municipal Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas comunica que rematou 2020 cumprindo co seu obxectivo de estabilidade orzamentaria e con superávit, dado que vén de pechar o ano cun remanente de 83.455,79 euros.

Fontes municipais lembran a importancia de rematar o exercicio do 2020 con estes datos positivos de aforro nun ano especialmente difícil "no que a pandemia obrigou a afrontar moitos gastos cos que non se contaba e no que se outorgaron axudas a todos os autónomos e pemes que tiveron que pechar ou viron mermados os seus ingresos pola COVID-19".

No vindeiro Pleno da Corporación Municipal, que terá lugar o xoves 4 de marzo, darase conta da liquidación anual e tratarase o habitual recoñecemento extraxudicial de crédito. Nesta ocasión son 403.778,03 euros por facturas que se presentaron fóra de prazo, incluso no mes de febreiro, ou por estar esgotada a súa partida concreta.

INVESTIMENTOS PARA 2021

O Concello de Ponte Caldelas anuncia que 2021 será o ano con máis investimentos da súa historia. Unha das primeiras actuacións é a mellora da avenida de Galicia, que arrincaba esta semana, e nos vindeiros días comezará tamén a reforma da estrada do Balneario, dúasobras que se levarán a cabo financiadas nun 80% con Fondos Europeos.

Por outra banda, este ano tamén se realizará o empedrado das beirarrúas da rúa da Ponte e se acondicionará o aparcadoiro central detrás da Ludoteca. A mellora integral da estrada interior de Vilarchán, a construción da nova Casa do Pobo de Tourón e diversas ampliacións, asfaltados e formigonados en distintos lugares do rural serán as seguintes actuacións.

"Nunca tantas obras, accións sociais, eventos e actividades se fixeron en Ponte Caldelas. E iso nótase porque ano a ano medramos en poboación, abren novos negocios e instálanse novas empresas", indicaba o alcalde Andrés Díaz ao facer balance de todas estas actuacións.