Poñen un explosivo no caixeiro automático da oficina de Abanca

Barro
02 de outubro 2021

O explosivo alertaba unha veciña da Rúa das Baladas ás 05.05 horas deste sábado 2 de outubro. Técnicos especialistas da Garda Civil trasladáronse ata esta oficina situada no centro de Barro e comprobaron que causara danos no caixeiro automático situado no vestíbulo da entidade. Os axentes investigan as causas deste suceso

Caixeiro de Abanca en Barro fóra de servizo debido ao explosivo Ramón Quintas

Ás 05.05 horas deste sábado, unha veciña da Rúa das Baladas espertábase alertada por unha explosión. Contactaba coa Garda Civil de Pontevedra, que rapidamente trasladaba unha dotación de efectivos ata a zona situada no centro do municipio de Barro por onde transcorre a  N-550 en dirección a Santiago.

Os axentes técnicos especialistas en explosivos comprobaron que o explosivo causara danos no caixeiro automático que se atopa no vestíbulo da oficina de Abanca, que fai esquina entre a Rúa dás Baladas e a  N-550.

A explosión non causou danos persoais e os axentes investigan as causas que orixinaron este suceso. Fuentes da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra non descartan a posibilidade dun intento de roubo. Os clientes achegábanse ata o caixeiro nesta mañá de sábado e comprobaban que non podían realizar as súas operacións.

Esta explosión prodúcese tamén nun escenario de conflito aberto entre gobernos locais de diversos municipios da comarca de Pontevedra pola decisión da entidade bancaria que dirixe Juan Carlos Escotet de suprimir oficinas en poboacións que pasan a quedar sen unha oficina financeira que ofreza atención directa ao público.