Política Social concede 593.000 euros a Amencer-Aspace para financiar 39 prazas nos seus centros

Pontevedra
23 de febreiro 2022

O delegado territorial, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron esta mañá o seu centro de atención integral, que atende a 17 usuarios, na parroquia de Lourizán. A asociación atende a 120 familias da provincia de Pontevedra que teñen ao seu cargo menores con parálisis cerebral ou otros problemas psicomotrices

Luis López, delegado territorial da Xunta, visita as instalacións de Amencer Aspace en Lourizán Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de outorgar novamente unha achega de 593.000 euros para o presente ano á asociación Amencer-Aspace co obxectivo de financiar 39 prazas de atención, coidado e transporte de nenos con parálise cerebral e outros trastornos neuromotores nos seus centros de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron esta mañá o seu centro de atención integral, emprazado no barrio de Pontemuíños da parroquia de Lourizán, xunto ao seu presidente, Carlos Godoy, e a xerente, Mónica Touriño.

Este centro é o máis importante desta entidade, posto que conta con 17 prazas concertadas e financiadas pola Xunta, que tamén coopera cos centros de día do barrio de Campolongo, con 9 prazas, e co Princesa Letizia de Vilagarcía, con 13 prazas.

“A Consellería de Política Social leva colaborando con esta entidade, para facer posible o seu gran labor, con 6,3 millóns de euros para o financiamento de prazas dende o ano 2009, o que demostra o enorme compromiso que temos coa integración, a igualdade e a autonomía persoal de todos os galegos”, explicaron os representantes autonómicos.

A asociación Amencer-Aspace presta servizo na actualidade a unhas 120 familias da provincia de Pontevedra e ten previsto seguir ampliando o seu radio de acción coa recente construción do seu novo centro de atención integral de Vigo, financiado pola Fundación Amancio Ortega e inaugurado o pasado mes de abril.

“Hai que aplaudir o ánimo deste colectivo para crear os recursos especializados para mellorar a calidade de vida e benestar dos nenos con parálise cerebral e trastornos neuromotores e das súas familias e por iso cada ano aumentamos os recursos económicos transferidos ou as prazas concertadas, que incrementamos en sete hai tres anos, e existe a intención de colaborar co financiamento do novo recinto en Vigo”, comentaron Luis López e Fernando González Abeijón.

Así mesmo, esta entidade tamén recibe importantes achegas das axudas do 0,7% do IRPF convocadas por Política Social, xa que recibiu 343.000 euros en tres anos para a ampliación do centro de día Princesa Letizia de Vilagarcía e máis de 500.000 euros anuais, compartidos con outras entidades, para programas de alimentación, atención a domicilio, atención temperá, apoio educativo, integración social e respiro familiar.