Seis axentes da Policía Nacional percorren a cabalo o monte dende o 1 de xullo coa misión de previr os incendios forestais. Teñen a súa base de operacións na Comisaría de Pontevedra e de alí parten cada día moi cedo, ás 7.30 horas da mañá, a distintas zonas da provincia e de Ourense. Ben entrada a noite, sobre as 22.30 horas, e tras percorrer unha media de 40 ou 50 quilómetros, volven á casa.
Os axentes, que patrullan sempre de dous en dous, pertencen á Unidade de Cabalaría da Policía Nacional de Madrid. Desprazáronse por primeira vez a Pontevedra na denominada operación 'Lumes' xunto a outros seis funcionarios que teñen a súa base na Comisaría de Santiago de Compostela e actúan nas provincias da Coruña e Lugo. En total conforman un subgrupo de 12 axentes aos cales o Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG) asignou labores de prevención en 71 localidades galegas.
Os axentes Alfonso Silva (co seu cabalo Latoso) e Carlos Martínez (co seu equino Zapatero) recibiu a orde operativa este venres de patrullar os montes do ámbito de Salcedo. A primeira hora recolleron aos seus equinos do hipódromo 'Apalaosa' de Marcón e dirixíronse en camión ata o seu lugar de traballo da xornada. Cunha pequena parada para atender aos medios de comunicación, o seu día a día é "el mismo de todos los días" e está baseado en tarefas preventivas.
"Damos largos paseos, vamos a lugares altos, intentamos divisar si vemos humo. Vigilamos los montes y detenemos en el acto a posibles incendiarios", explica o axente Carlos Martínez, natural de León, de aí que bautizase 'Zapatero' ao seu cabalo, en honor ao ex presidente socialista do Goberno, tamén leonés de nacemento.
Matiza que percorren o monte en xeral, o que lle asignan cada día dende a Comisaría, pero prestan especial atención ás zonas de difícil acceso, "donde no puede entrar un coche". "Es lo bueno que tiene el caballo, con un vehículo hay zonas a las que es imposible llegar", engade.
A operación repítese a diario, durante todas as horas con luz solar, e ata o momento non tivo ningún contratempo á marxe da pequena "sorpresa" dos veciños cos que se encontran polo camiño. "Quedan un poco sorprendidos al ver a la policía a caballo",pero, en xeral, pontevedreses e ourensanos déronlles un boa acollida e "colaboración".
A Unidade de Cabalaría únese a outros efectivos policiais de Seguridade Ciudadana, Policía Xudicial e Medios Aéreos cuxa misión principal é a prevención, con especial atención ás zonas de máis risco diagnosticadas pola Xunta de Galicia.
Ademais, os axentes colaborarán na detección precoz de incendios, o apoio aos servizos de salvamento en caso de evacuacións e a realización das primeiras dilixencias de policía xudicial como a identificación de testemuñas, acordoamento de focos de lume, recollida de probas ou detencións.
A Policía Nacional activa anualmente este dispositivo contra incendios na comunidade galega no que durante o pasado 2012 se realizaron 2.356 patrullas con case 60 colaboracións con servizos de emerxencias.