Unha moto leva días acaparando a actualidade política en Soutomaior. Primeiro a través das redes sociais e agora a través dos medios de comunicación, o BNG actualmente no Goberno e o PP que estivera 28 anos á fronte do Concello intercámbianse acusacións por un vehículo de Protección Civil.
O Goberno municipal anunciou que logrou recuperar a moto tras catro anos desaparecida. O seu último rexistro oficial era de 2020 e o Concello seguía pagando o seguro, de modo que, unha vez que os antigos responsables de Protección Civil non lles deron información sobre o paradoiro do vehículo, decidiron denunciar ante a Garda Civil, que o localizou nun taller de Barro.
Unha vez que o Goberno local sacou á luz esta información, o concelleiro do PP Carlos Bas, antigo responsable de Protección Civil, nega que a motocicleta estivese perdida e mesmo asegura estar "indignado" por un tema que "é moito máis sinxelo do que nos quere facer ver o goberno de Manuel Lourenzo".
Para o concelleiro do PP, "todo o balbordo montado nas últimas horas poderíase aforrar se me preguntasen onde estaba a motocicleta". O Goberno local, a través dun comunicado emitido o luns, asegurou que desde a desaparecida Protección Civil trasladóuselle "descoñecer a existencia da moto".
Bas asegura que o vehículo se atopaba perfectamente localizado e que el mesmo foi o que lle dixo o seu paradoiro á Garda Civil cando llo solicitaron.
O concelleiro do PP explica que el a levou a un taller de Barro, onde quedou tres anos á espera de que aparecesen as pezas, xa descatalogadas, necesarias para a súa reparación. "O mal estado do vehículo, sumado a que os efectivos da Protección Civil xa contaban con medios suficientes para levar a cabo o seu traballo, permitiron á agrupación prescindir desa motocicleta mentres non aparecía unha similar nalgún despezamento próximo", explicou.
Desde o PP critican que nos últimos días varios concelleiros, entre eles o propio alcalde, Manuel Lourenzo, publicaron nas súas redes sociais mensaxes en contra do ex xefe da Protección Civil, "ao que acusan de esconder de forma voluntaria e premeditada o vehículo". O aludido critica que nestas publicacións chegaron a acusalo de pagar o seguro dunha motocicleta que levaba varios anos parada nun taller, pois insiste en que "é obrigatorio por lei, independentemente de se o vehículo está a ser usado ou non".
Carlos Bas lamenta que as mensaxes vertidas polos concelleiros do BNG "sexan contraditorios" e non obedezan a maior aspiración que a de "enganar aos veciños e veciñas de Soutomaior" e insiste en qu o feito de que a motocicleta tivese o seguro en día "é unha proba clara de que a intención nunca foi escondela".
O Goberno local do BNG explica que soubo que, unha vez que o pleno de Soutomaior acordou levar a cabo un informe por parte dos servizos técnicos municipais das contas e actividades da antiga agrupación, apareceron facturas do arranxo deste vehículo por parte de Protección Civil no ano 2020. Ante esta situación irregular, viuse no deber de presentar unha denuncia ante a Garda Civil pola desaparición do vehículo, para tentar esclarecer o ocorrido.
O concelleiro de Interior, Diego Moreira, sinala que esta situación irregular relacionada coa anterior agrupación de Protección Civil súmase a outras, como a causa prexudicial aberta polo sobrecusto en determinadas facturas de produtos e anuncia que traballan "para esclarecer e liquidar todas as irregularidades atopadas en leste e noutros servizos".