'El Pulpo', autor da matanza do hostal de Paredes en 1997, detido en Vigo por roubo

Vilaboa
25 de outubro 2024
Actualizado: 12:28

O subdelegado do Goberno felicita á Policía Nacional polo "éxito" deste arresto de de José Manuel Rodríguez Lamas, que foi condenado a 125 anos por catro crimes e saíu libre en 2022

Vehículo da Policía Nacional ante a Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

José Manuel Rodríguez Lamas, coñecido 'El Pulpo', é un vello coñecido da crónica policial pontevedresa. En 1997 foi detido pola matanza do hostal A Ría de Paredes (Vilaboa), no que asasinou a tiros a catro persoas. Xa libre por este cuádruplo crime, acaba de volver ser detido.

Rodríguez Lamas foi detido agora pola Policía Nacional de Vigo como sospeitoso dun roubo de 21.000 euros nunha empresa de Teis, entre un vehículo Volvo e material informático.

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno a 125 anos de cárcere e pasou entre reixas 25, o máximo legal que estaba permitido.

A finais de 2022 saíu á rúa,primeiro en terceiro grao restrinxido no Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo e logo xa libre. Agora, con 57 anos, volveu a ser detido.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, quixo felicitar "expresamente" á Comisaría da Policía Nacional de Vigo polo "éxito que significa" esta detención dun "vello coñecido" dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Sitúa este "éxito" nunha campaña de prevención da delincuencia rueira que se centra, sobre todo, en roubos a persoas, vehículos e establecementos, todos isos "actos delituosos que xeran unha gran percepción de inseguridade" na poboación e que son unha "cuestión estratéxica" para a Subdelegación e a Policía.

Segundo revelou Losada, a detención é froito dunha "sospeita" dos policías, que acabaron atopando o material roubado e as chaves do coche en posesión de 'El Pulpo' e dun cómplice, outro vello coñecido da Policía no barrio de Teis. Este segundo detido é un "delincuente habitual", aínda que con delitos menos graves.

O crime de Paredes cometeuno o 26 de xaneiro de 1997 e deixou como balance catro mortos e un ferido. Previamente, mantivera unha discusión cunha das vítimas mortais, Roberto Iglesias Domínguez, na que lle disparou, pero non lle alcanzou. Ese día, si lle alcanzou con dous tiros.

A gravidade da masacre implica a varias persoas. Así, obrigou a punta de pistola a outras dúas persoas, Jesús Brea e José Manuel Pazos, a acoitelar o corpo e a un terceiro, Marcial Magdalena, a embalalo.

Logo desfíxose del. O cadáver non foi localizado até oito anos despois, cando, desde o cárcere dA Lama, confesou que estaba nun pozo en Ponteareas.

Xa pasadas varias horas desde este primeiro crime, de madrugada, citou as testemuñas no hostal e matounos, primeiro a Eugenio Riobó e logo a Jesús Brea e Mercedes Castaño, todos de tiros na cabeza. Tamén causou feridas a Alberto Piñeiro e Marcial Magdalena logrou encerrarse nun armario e evitar as balas.

De alí, fuxiu e foi localizado dúas semanas despois en Cabral, en Vigo, unha zona que lle era coñecida, pois exercía de taxista na cidade. Resistiuse á detención tamén a tiros e chegou a alcanzar un dos axentes antes de que lle puxesen as esposas. Nese momento, pediulles: "Matadme".

Xa en prisión, no ano 2002, foi o autor dunha agresión a un interno que lle reportou outra condena a dous anos por un delito de lesións.