Poio súmase de forma activa á recollida de sinaturas para a ILP que busca mellorar a atención primaria

Poio
22 de setembro 2022

O Concello solicitará ao Sergas información sobre o número de profesionais existentes nos ambulatorios e centros de saúde de Poio, unha petición que se fará no mes de outubro. Unha vez que coñezan o número de profesionais sanitarios que traballan en Poio, a Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios convocarán ao tecido social de Poio para estudar posibles medidas a tomar

Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio Concello de Poio

A Mesa da Defensa dos Dereitos da Sanidade de Poio acordou na súa última sesión, celebrada este xoves, sumarse ao apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre a atención primaria promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia.

Esta ILP esixe ao Parlamento de Galicia que aprobe unha serie de medidas encamiñadas á mellora urxente do sistema sanitario, entre elas, atención presencial como regra xeral para as consultas médicas, a fixación duns mínimos de persoal para salvagardar a calidade de atención, acabar coa precariedade laboral e reabrir consultas e PACs pechados nos últimos anos.

Esta mesa de traballo, na que está representada toda a Corporación municipal e que preside Xosé Luís Martínez, tamén se compromete a colaborar de xeito activo na recollida de sinaturas e nas mobilizacións e campañas informativas de carácter unitario que se realicen para ter unha Atención Primaria de calidade.

A sesión deste xoves tamén acordou corroborar este apoio a través dunha moción que será aprobada no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o martes 27 de setembro.

Xosé Luís Martínez confirmou tamén que o Concello solicitará ao Sergas información sobre o número de profesionais existentes nos ambulatorios e centros de saúde de Poio, unha petición que se fará no mes de outubro. 

Unha vez que coñezan o número de profesionais sanitarios que traballan en Poio, a Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios convocarán ao tecido social de Poio para estudar posibles medidas a tomar..

O concelleiro insistiu este xoves en que a situación sanitaria en Poio "está peor ca nunca", as listas de agarda "non deixan de medrar" e "practicamente só se están atendendo Urxencias".