Poio solicitará fondos provinciais para mellorar a mobilidade entre Casalvito e O Padrón

Poio
02 de novembro 2024
Actualizado: 23:10

O proxecto, que supera os 720.000 euros, foi aprobado esta semana na Comisión de Urbanismo, e inclúe renovación do pavimentado, plataforma única ou reposición de canalizacións en mal estado

Vial entre Casalvito e O Padrón Concello de Poio

O Concello de Poio solicitará fondos do Plan provincia extraordinaria da Deputación de Pontevedra para executar unha actuación integral coa que recuperar e mellorar a mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón.

O alcalde, Ángel Moldes, explica que esta semana xa se aprobou na Comisión Informativa de Urbanismo o proxecto, que supera os 720.000 euros, e que inclúe melloras nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais para convertelos en espazos máis accesibles e seguros, ao mesmo tempo que se poñen en valor estas zonas.

Moldes sinalou que é un proxecto que vai a mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de dar unha maior seguridade para os peóns, crear novas zonas de comunicación con Combarro de xeito máis seguro e sen necesidade de circular pola P0-308.

O proxecto inclúe dotalo dunha plataforma única de circulación, dando prioridade de paso aos peóns fronte aos vehículos.

Asemade, renovarase o pavimentado existente por outros máis acorde con esta contorna tradicional, na que hai vivendas de pedra, muros de mampostería e anchos de vías reducidos.

Con respecto ás canalizacións, repoñeranse as que están en mal estado e instalaranse novas dotacións de servizos para a recollida de augas pluviais, soterraranse a instalación dos subministros eléctricos, de telecomunicacións e alumeado e dotarase con novos farois con iluminación LED.

Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago.

Ademais, mellora o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico e pon en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, como son os cruceiros, lavadoiros, entre outros.