Poio segue de Entroido co enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira

Poio
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Estas actividades van celebrarse o sábado 16 de marzo, a partir das 21.00 horas co inicio do cortexo fúnebre que sairá desde a rotonda ata a Praza do Mosteiro onde vai incinerarse a Fodorico. A continuación está prevista a celebración da Festa Choqueira coa degustación de chocolate quente e música no mesmo recinto da Praza do Mosteiro

Enterro do Galo Fodorico Cristina Saiz

Este sábado 16 de marzo finalizará o Entroido en Poio cos actos do enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira, organizadas pola AVC Ronsel e a colaboración do Concello.

As choivas obrigaran a aprazar este fin do Entroido no municipio ata este sábado no que se espera que a celebración se desenvolva sen incidencias meteorolóxicas.

Ás 21.00 horas iniciarase o cortexo fúnebre que acompaña ao personaxe de Fodorico. Partirá da rotonda ata a Praza do Mosteiro. Nese escenario será incinerado o famoso galo símbolo destas festas.

A continuación, coa presenza das comparsas celebrarase a Festa Choqueira. As persoas que asistan terán a oportunidade de degustar chocolate quente nunha sesión con música que terá lugar na mesma Praza do Mosteiro.

As persoas que desexen participar no concurso da Festa Choqueira deben apuntarse previamente, ás 20.00 horas, na Praza do Mosteiro. A organización obriga aos participantes a realizar todo o percorrido do cortexo. Os premios outorgaranse nas categorías individual, parella e grupo.