Poio reduce en 58 os seus casos activos por covid-19 e Pontevedra sobe ata os 615

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Pontevedra non logra reducir os seus casos activos por covid-19. Xa son 615, once máis que onte. Todo o contrario a Poio, que en apenas 24 horas, pasou a ter unha incidencia por baixo dos 1.800 casos. No municipio rexistráronse este xoves ata 58 casos activos menos

Cribado con test PCR entre colectivos especialmente expostos Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra non logra reducir os seus casos activos por covid-19. Un día máis, aumentan os contaxiados. Xa son 615, once máis que onte. Con estes datos a incidencia acumulada a 14 días supera os 680 casos por cada 100.000 habitantes.

Todo o contrario a Poio, que en apenas 24 horas, pasou a ter unha incidencia por baixo dos 1.800 casos. No municipio rexistráronse este xoves ata 58 casos activos menos que onte, ata un total de 375 infectados.

O resto dos municipios na 'lista negra' presentan tímidos descensos na incidencia da covid-19. Soutomaior, que xa supera a Poio en termos relativos, ten 151 casos activos (dous menos); mentres que Moraña conta con 46 (dous menos).

Sanxenxo, pola súa banda, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, ten actualmente 209 casos, un menos que o mércores.

Tras eles sitúanse Vilaboa, que se mantén nos 58 casos activos que tiña onte; Ponte Caldelas, A Lama, Vilaboa e Meis, todos eles cunha incidencia superior a 750, aínda que con evolucións dispares como se pode comprobar.

Catro casos activos menos rexistra Marín con respecto a este mércores, o que sitúa o seu número de infectados en 142, cunha incidencia acumulada a 14 días de 536, tal e como reflicten as estatísticas das autoridades sanitarias. 

Ribadumia, con 35 casos (un menos); Caldas de Reis; Portas, con 19 (un máis); Barro, Campo Lameiro, Meaño, con 29 (un menos); e Cuntis, con 30 (un máis); mantéñense en entre 500 e 750 de incidencia acumulada. A eles sumouse Vilagarcía de Arousa nas últimas horas, que chegou aos 200 contaxiados (un máis).

Os municipios da área sanitaria cunha menor incidencia son, por esta orde, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Cambados, O Grove e Bueu. Este último, con 35 casos (un máis); é o único cunha incidencia por baixo de 300.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.