Unha proposta "ambiciosa, participativa e de calidade". Así asegura o Concello de Poio que é a programación deseñada para as festas do Nadal e que foi oficialmente presentada este martes.
"Tras o éxito do ano pasado, tiñamos claro que íamos apostar de novo por esas sete Aldeas de Nadal e a carpa Poio Máxico como lugares de encontro e diversión para veciños e visitantes durante unhas festas tan especiais", explicou o alcalde, Ángel Moldes.
Nadal en Poio estará inspirado este ano na película 'Charlie e a Fábrica de Chocolate', con referencias na cartelaría, toda a proposta escénica, os vestiarios e nos contidos.
O Nadal inaugurarase en Poio este sábado día 30 ás 18.30 horas na Praza do Mosteiro, nunha xornada con música, animación e, aseguran, moitas sorpresas.
Será o momento de acender toda a iluminación en cada unha das sete Aldeas que estarán situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Atrio de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño.
Pola súa banda a carpa Poio Máxico volverase a instalar na Seca, con actuacións, zona de xogos e obradoiros. Alí celebraranse tres das actuacións principais programadas cos 'Superhits' de Juan D e Beatriz, presentadores de Los Lunnis en TVE (7 de decembro ás 18.00 horas), o espectáculo de maxia 'Magicspace' de Pedro Volta (25 de decembro ás 18.00 horas) e os populares Cantajuego con 'Tallarín, un mundo mágico' (2 de xaneiro ás 18.00 horas).
'Bulelandia' será o espectáculo itinerante que servirá de fío condutor, con moita animación, música e bailes da man de Javi Solla e Tere.
Ademais, nas aldeas organizaranse outras actividades de animación na rúa, nas que están implicados diferentes colectivo. Serán sesións de teatro, batucadas, obradoiros, belén vivente, contos, panxoliñas, música e até un anticipo das badaladas de fin de ano.
Durante as festas tamén se producirán outras actuacións xunto a un concerto final de Poio Sesións.
A programación inclúe tamén a tradicional papanoelada moteira, a visita de Papá Noel e a cita cos Reis Meigos, que o día 5 de xaneiro visitarán todas as parroquias e o 6 se depedirán de todos os nenos da comarca desde Poio cunha cabalgata que finalizará cunha gran festa de animación infantil na Seca.
Todas as actividades serán de balde, tanto nas Aldeas de Nadal como na carpa Poio Máxico, até completar o aforamento dispoñible.
Consulta aquí a programación completa de Nadal en Poio 24-25.