Poio prepárase para chorar a morte do Galo Fodorico

Poio
04 de marzo 2020

O tradicional enterro, que chega á súa trixésima edición, realizarase na Praza do Mosteiro, previa saída desde as inmediacións da escola unitaria do Sartal ás 20:30 horas do sábado 7 de marzo

Enterro do Galo Fodorico en Poio 2019 Diego Torrado

O Galo Fodorico Agusto Bastante, mascota do Entroido poiense volverá ser pasto do lume. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e os responsables da Asociación Veciñal e Cultural Ronsel presentaron os detalles do Enterro do Galo Fodorico.

A cita, organizada polo colectivo local en colaboración co Concello, será o sábado 7 de marzo, a partir das 20:30 horas. A comitiva fúnebre saldrá desde as inmediacións da antiga escola unitaria do Sartal ata a Praza do Mosteiro, onde os restos do galo serán cremados. Nesta edición, o animal optou por disfrazarse de albanel, para lembrar a necesidade que ten Poio de dispoñer dun novo centro de saúde.

Para amenizar a celebración, na comitiva estarán, ademais do Grupo Samieira, Os Canecos, As Sonecas, Os 100tolos e os marinenses Os da Caña. 

Un día antes, o venres, serán os veciños de Lourido os que despidan ao Berberecho, cun enterro que se celebrará ás 20:30 horas no parque de Costa Xiráldez. Previamente, ás 19:00 horas, haberá unha festa infantil na carpa que se habilitará neste espazo.

Xa de cara á semana seguinte, o día 14 terá lugar o Enterro do Galo Bruxo de Samieira, mentres que o colofón ao Entroido correrá a cargo do Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasía de Campelo, que será o domingo 15.