Poio permite facer fogueiras de San Xoán nas súas praias

Poio
08 de xuño 2022

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez (BNG), informou que se volverán permitir fogueiras en espazos públicos e praias, sempre e cando cumpran cos requisitos de seguridade pertinentes

Praia de Lourido PontevedraViva

O Concello de Poio abrirá o vindeiro venres, día 10 de xuño, o prazo para a comunicación de fogueiras de San Xoán, así como para a realización de grelladas para locais de hostalería durante a noite do día 23. 

Logo das restricións aplicadas nos dous últimos veráns, por mor da situación provocada pola pandemia da COVID-19, agora volveranse permitir as cacharelas en praias e espazos públicos, sempre e cando se cumpran con todos os requisitos de seguridade establecidos polos técnicos municipais. 

Tanto en 2020 como en 2021 as cacharelas só estaban permitidas en lugares de ámbito privado, tal e como lembra o concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez Blanco.

A Xunta de Goberno Local aprobou este martes a apertura do devandito prazo. En canto aos requisitos a cumprir, lémbrase que a persoa solicitante será a responsable do cumprimento das devanditas normas. Non estará permitido o emprazamento dun asador en zonas públicas e o volume do combustible da fogueira non poderá sobrepasar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura. Ademais, a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros no caso das grelladas e de 12 no caso das cacharelas. 

Martínez Blanco incide tamén na importancia de que se teña coidado de non situar as fogueiras e as grelladas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nas proximidades non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. 

Ademais, as persoas responsables das cacharelas deberán ter en conta cuestións relacionadas coa meteoroloxía, como a aparición de vento á hora do prendido e o mantemento das grelladas e fogueiras. Prohíbese, asemade, a queima de pneumáticos, plásticos, aceites ou escumas de poliuretano, así como calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

Tampouco se permitirá botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables. Por último, todo deberá quedar recollido antes das 10.00 horas do día 24.

O prazo de presentación de permisos permanecerá aberto ata o martes 21 de xuño. No caso das fogueiras e grelladas de San Pedro (día 28), o período será do 22 ao 26. As comunicacións realizaranse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Poio ou, no seu defecto, mediante instancia presentada de xeito presencial, con cita previa, no Rexistro Xeral.