O Concello de Poio investirá 74.182,58 euros procedentes do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra en mellorar o firme e completar a rede de sameamento e abastecemento de dous dos ramais no Sartal.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, explica que é un investimento importante para garantir a prestación de servizos básicos a varias vivendas que se atopan nestes camiños e que, na actualidade, carecen deles. Así, nun dos ramais achegarase a rede a dúas vivendas e no outro, a cinco. As obras inclúen, ademais de colocación de tubaxes de saneamento, abastecemento e pluviais, pozos de rexistro e acometidas domiciliarias, limpeza de vexetación e desbroce e posterior pavimentado dos dous camiños.
"É unha actuación importante para ir completando pouco a pouco a rede de servizos básicos naqueles lugares nos que a día de hoxe carecen deles, mellorando deste xeito a calidade de vida dos residentes neses lugares", sinala García.
Nesta liña, indica que no plan de investimentos provincial deste ano están incluíndo "actuacións que, aínda que parezan máis pequenas, ofrecen un servizo moi importante á cidadanía".
Ademais deste proxecto, recorda que no plan +Provincia tamén se reservaron investimentos para ampliar a rede de pluviais e mellorar o firme no camiño de Cachafeiro, no Xuviño; completar outro proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e no camiño do Castaño, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.