Obras ata en oito tramos diferentes. Así é o plan de traballo que ultima o Concello de Poio para acometer unha actuación pensada para mellorar a seguridade viaria na estrada de subida á Escusa. Nela, o goberno municipal investirá uns 30.000 euros.
O Concello defende a necesidade de actuar nesta estrada porque se trata dunha vía moi utilizada pola veciñanza, ademais de acoller de xeito habitual diferentes probas deportivas, como a Subida á Escusa, unha das competicións de automobilismo de referencia na comarca.
A memoria técnica que recolle as melloras nesta estrada, que une os núcleos de Sartal e da Escusa, apunta á retirada dos elementos que na actualidade se atopan máis deteriorados e inservibles, para substituílos por 132 metros de barreiras fiadas de protección.
Ademais, noutros 20 metros se colocarán barreiras simples, aos que hai que engadirlles preto doutros 200 metros de barreira de dobre altura.
As tarefas tamén inclúen a dotación dunha ducia de abatementos a terra e quince colas de retorno.
A empresa responsable de acometer a obra é Barreras de Seguridade SL.