O goberno local de Poio leva ao pleno deste agosto o convenio de colaboración con Augas de Galicia para mellorar o saneamento na Seca e o porto de Campelo, actuación que forma parte do Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra.
O convenio elévase a 4,2 millóns de euros que se distribúen en tres anualidades e que achega Augas de Galicia nun 90% e o Concello de Poio o 10% restante. Na primeira anualidade, en 2025, a administración autonómica achegará 1,5 millóns de euros e o Concello 63.519 euros. Ao ano seguinte as achegas serán de 1,8 millóns e 269.561 euros, respectivamente. Completarase o investimento en 2027 con 278.703 por parte de Augas de Galicia e 69.675 euros por parte do Concello.
O proxecto consistirá en construír un novo bombeo e un depósito de retención na Seca. No porto de Campleo e Miradoiro mellorarase a estación de bombeo. Tamén se fará unha adecuación do bombeo de Froiz.
En relación a estas actuacións e este investimento, o alcalde Ángel Moldes dicía que "aínda que estes investimentos non son tan visibles como outros, para o goberno son prioritarios porque son fundamentais para protexer o noso mar, do que viven centos de mariscadores, bateeiros e mariñeiros de Poio".