Poio inicia unha campaña para impulsar a reciclaxe de vidro na hostalería

Poio
14 de outubro 2023

Cunha serie de enquisas e entrevistas entre os hoteis, restaurantes e cafeterías, intentarán coñecer que hábitos de reciclaxe de vidro teñen e cales son as súas necesidades, para así adecuar os recursos dispoñibles co obxectivo de seguir mellorando nas cifras de reciclaxe de vidro

Contedor de vidro Mónica Patxot

A  partir desta semana, o Concello de Poio realizará unha serie de enquisas e entrevistas entre os hoteis, restaurantes e cafeterías para impulsar unha campaña de reciclaxe de envases de vidro nos establecementos de hostalería do municipio.

Deste xeito, intentarán coñecer que hábitos de reciclaxe de vidro teñen e cales son as súas necesidades, para así adecuar os recursos dispoñibles co obxectivo de seguir mellorando nas cifras de reciclaxe de vidro e facer de Poio un concello "máis ecolóxico e sostible".

Segundo os datos do municipio, a hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro de un só uso, polo que desde a concellería de Obras e Servizos, Marcial García sinala que a súa colaboración "é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva destes envases".

"Darase información, pero tamén queremos recibir a súa opinión e experiencia para ver en que podemos seguir mellorando. É imprescindible facer campañas específicas para informar e promocionar a reciclaxe no sector porque constitúe o primeiro xerador de residuos de vidro, pero tamén para darlles as ferramentas para poder facelo de xeito cómodo e eficaz", defende.

Para levar adiante esta iniciativa, que se realiza coa colaboración da entidade Ecovidrio, farán un traballo de campo con visitas personalizadas para reforzar tamén o coñecemento da normativa actual en materia de reciclaxe de envases de vidro e un equipo de educadores ambientais ocuparase de contactar cos locais para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades.

O reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible xa que o vidro que se deposita nos contedores recíclase nun 100% e utilízase para fabricar novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. Polo que, de cada botella, tarro ou frasco que se recicle, poderase obter outro exactamente igual.