Poio esixirá a Abanca manter a oficina de Campelo e instalar un caixeiro en Raxó

Poio
25 de agosto 2021

O goberno municipal de Poio manterá a próxima semana unha xuntanza cos responsables territoriais de Abanca para abordar con eles o recorte dos servizos que a entidade bancaria presta actualmente no municipio

Oficina de Abanca en Campelo Google

O goberno municipal de Poio manterá a próxima semana unha xuntanza cos responsables territoriais de Abanca para abordar con eles o recorte dos servizos que a entidade bancaria presta actualmente no municipio.

Nese encontro, o Concello esixirá que se manteñan operativas todas as sucursais das que Abanca dispón en Poio, especialmente a de Campelo, que o banco quere pechar en setembro, trasladando todo o servizo a Combarro.

Ademais, pediranlle que instalen un caixeiro automático en Raxó, un servizo do que a veciñanza carece desde o peche da oficina hai máis dun lustro.

Con respecto ao futuro da oficina de Campelo, o Concello convocou a todo o tecido asociativo de San Xoán para abordar esta problemática. Esta zona do municipio quedaría só con un caixeiro automático e sen atención ao público. Será a partir das 20.00 horas, no local sociocultural de Campelo.

A reunión terá lugar un día despois do pleno convocado para o xoves, ás 19.30 horas, no que, entre outros temas, prevese a aprobación dunha moción impulsada desde o goberno municipal na que se postula en contra da medida tomada de xeito unilateral por Abanca.

En caso de que esta decisión continúe adiante, o Concello aposta pola cancelación das súas contas nesta entidade. Precisamente, un dos temas a tratar na reunión do venres será animar ao tecido asociativo a que tamén se sume a esta medida.