Poio destinará máis de 62.000 euros en axudas para a organización de festas e actividades lúdicas

Poio
11 de marzo 2023

Á hora de valorar as propostas terán en conta criterios como a programación do evento (número de actuacións musicais profesionais ou de grupos folclóricos, accesibilidade, respecto polo medio ambiente), o fomento do equilibrio de xénero, da igualdade e do patrimonio inmaterial, así como o orzamento total subvencionable

Actuación en Poio Concello de Poio

O concelleiro de Festexos de Poio, Xosé Luís Martínez, confirmou este venres que a Concellería destinará un total de 62.500 euros a axudas para a organización de festas e actividades lúdicas.

Segundo explicou Martínez, esta dotación está incluída no Orzamento municipal aprobado a principios deste 2023 no que hai unha clara renovación "á hora de apoiar ao sector cultural en todas as súas dimensións, de xeito que se facilite o fomento de actividades lúdicas, festivais, festas patronais, parroquiais ou gastronómicas e iniciativas similares”, indicou o concelleiro. Tamén destacou a importancia de dar visibilidade e promoción a actividades de interese local desenvoltas por asociacións, colectivos e entidades sen ánimo de lucro.

Desde o Concello indican que a previsión é que o prazo para solicitar estas axudas se abra entre finais de marzo e principios de abril, logo de que as bases fosen aprobadas pola Xunta de Goberno Local e publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo). Agora deberán transcorrer 15 días hábiles antes da apertura.

Estas tramitacións deberanse realizar de xeito telemático a través da Sede Electrónica do Concello de Poio e poderán ser obxecto de subvención as citas realizadas entre o pasado 11 de novembro de 2022 e o 10 de novembro de 2023. As entidades beneficiarias deberán carecer de fins de lucro e estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, mantendo os seus datos debidamente actualizados.

Unha das cuestións abordadas na reunión foi que, un ano máis, o reparto destas axudas por parte da Concellería de Festexos será en réxime de concorrencia competitiva polo que á hora de valorar as propostas teranse en conta criterios como a programación do evento (número de actuacións musicais profesionais ou de grupos folclóricos, accesibilidade, respecto polo medio ambiente), o fomento do equilibrio de xénero, da igualdade e do patrimonio inmaterial, así como o orzamento total subvencionable.

A través desta liña de axudas poderase cubrir como máximo o 50% dos custes da organización da actividade en cuestión, polo que o concelleiro do BNG defende a importancia de consolidar esta liña de subvencións en Poio, xa que "conta cun tecido asociativo dos máis activos e implicados da provincia no que se refire á organización de citas e eventos lúdicos, polo que desde o Concello apostamos por facilitar o fomento destas actividades, que supoñen dinamizar o atractivo e incrementar os recursos de dinamización social, económica e de lecer do municipio".