Poio defende que esgotará "todas as vías e fórmulas" para que o Ateneo de Combarro manteña o seu uso público

Poio
06 de febreiro 2021

Así o sinalaron responsables do goberno local na reunión telemática mantida con colectivos e agrupacións da parroquia de Combarro

Reunión telemática de representantes do Concello de Poio con colectivos de Combarro Concello de Poio

O Concello de Poio ten a intención da "todas as vías e fórmulas que estean ao noso alcance" para garantir que o inmoble da Casa do Ateneo de  Comabrro manteña o seu uso público, tras o conflito aberto co que asegura ser o lexítimo propietario da vivenda.

Así llo explicaron representantes do goberno local a colectivos e agrupacións da parroquia de Combarro nunha reunión telemática mantida a última hora do venres.

Na mesma participaron o concelleiro de Patrimonio, Xulio Barreiro, a de Cultura, Raquel Rodríguez, e os portavoces dos grupos que forman o goberno municipal, Marga Caldas, Silvia Díaz e Gregorio Agís. Xunto a eles estiveron presentes membros do Ateneo Corredoira, Combrus, A Solaina, Asociación Veciñal e Recreativa de Combarro, Armadiña, Comunidade de Montes Rega dos Agros, Coro Virxe da Renda, AC Cuna da Moura e Asociación de Mulleres Airiños do Mar.

Tanto Barreiro como os seus compañeiros e compañeiras de goberno lembraron que o Plan Especial de Protección de Combarro define este equipamento exclusivamente como de uso sociocultural, función que tivo durante preto de medio século. 

Os responsables do Concello de Poio valoraron como "positiva" a reunión, agradecendo a implicación e o interese mostrado polo tecido asociativo de  Combarro para tentar buscar posibles solucións ao conflito.