Poio bonificará a taxa de residuos ás empresas que pecharon durante a segunda e terceira onda da pandemia

Poio
09 de xuño 2021

A maior parte das entidades  afectades corresponden ao sector da hostalería e o turismo

Reunión da concelleira Marga Caldas cos hosteleiros Concello de Poio

Preto de medio centenar de negocios de Poio obterán unha bonificación do 100 % no recibo do lixo nos próximos meses. Trátase dunha medida que se aplicará a empresas e locais que se viron afectados polo cesamento de actividade derivado do estalido da pandemia da covid-19.

En concreto, trátase de 44 entidades que pecharon as súas portas en novembro do 2020 e tamén a principios do 2021, durante os peores momentos da segunda e terceira onda da enfermidade. Esta medida, lembra o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, xa se aplicara aos locais afectados polo confinamento de principios do 2020.

A maioría dos negocios que acceden a esta bonificación corresponden a sectores como a hostalería ou o turismo e para acceder ás axudas deben acreditar mediante a presentación da documentación pertinente o cesamento da súa actividade.

Doutra banda, a Xunta de Goberno Local xa aprobou as bases para as axudas directas para profesionais autónomos e negocios afectados pola pandemia. Trátase dunha liña de subvencións que ascende a 150.000 euros, dos que 100.000 achégaos a Deputación. Poderán solicitar estas axudas aqueles negocios que demostran unha baixada dos beneficios comprendida entre o 35 e o 50 % con respecto ao 2019 e a contía máxima a recibir é de 1.000 euros.