O goberno municipal de Poio realizará unha auditoría en toda a rede de saneamento municipal para localizar infiltracións. Así o anunciou o alcalde, Ángel Moldes.
"Antes de actuar e ampliar estes servizos básicos é fundamental ter unha análise exacta do estado de toda a infraestrutura que transporta augas residuais no municipio", sostén o rexedor.
Nesta liña, Moldes explica que esta auditoría será un instrumento eficaz para identificar os problemas asociados á xestión das redes de saneamento.
Localizar as principais entradas de augas brancas ou os puntos de alivio "é o primeiro paso" para mellorar o funcionamento dos sistemas de saneamento e poder programar actuacións "que permitirán mellorar significativamente a prestación dos servizos á veciñanza".
Esta auditoría conta cun orzamento de preto de 15.000 euros máis IVE, que serán financiados grazas a unha achega que conseguiu o Concello e que fará fronte ao cen por cento deste custo.
Para realizar este informe, en primeiro lugar sectorizarase a rede para inspeccionar as augas residuais circulantes en puntos clave de cada sector e que permitirá coñecer si hai e, nese caso cales, son as zonas máis afectadas polas infiltracións.
Posteriormente, inspeccionaranse polo miúdo as zonas consideradas máis afectadas e farase un inventario coas deficiencias detectadas para propoñer posibles medidas correctoras.