Poio aproba axudas económicas para 48 empresas para paliar os efectos da pandemia

Poio
18 de outubro 2021

Os solicitantes xa poden consultar na sede electrónica do Concello se a súa petición foi aprobada. Só dous demandantes foron rexeitados por incumprir as bases

Reunión do goberno municipal de Poio Concello de Poio

Preto de medio centenar de negocios e autónomos veranse beneficiadas pola liña aberta polo Concello de Poio para a emisión de axudas directas, destinadas a persoas, tanto físicas como xurídicas, pertencentes a aqueles sectores que máis se viron afectados pola crise económica derivada da pandemia da covid-19.

Xa se pode consultar na sede electrónica da administración municipal a listaxe de entidades e profesionais que cumpren cos requisitos para acceder a estas achegas. Todas elas dispoñen agora dun prazo dun mes para facer entrega da pertinente documentación xustificativa. Unha vez completada esta xestión, comezaranse a efectuar os pagos.

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, recorda que as bases para o impulso destas axudas foron consensuadas hai uns meses cos profesionais destes sectores, entre os que se atopan o comercial, o turístico, a restauración ou a hostalería.

As empresas e profesionais que acceden a esta liña son aquelas que xustificaron unha caída do 35 % nos ingresos rexistrada en 2020, en comparación co exercicio de 2019. Nos casos de que ese descenso fora equivalente ou superior ao 50 %, as axudas ascenderon a un máximo de 1.000 euros. No resto dos casos procedeuse a realizar un cálculo proporcional á contía en cuestión.

O edil indica que o importe que se repartirá entre as 48 solicitudes aprobadas definitivamente (só foron excluídas dúas por non cumprir co establecido nas bases) ascende a preto de 42.500 euros, a repartir entre 17 empresas e 31 persoas físicas.

A posta en funcionamento desta liña de axudas forma parte do Plan Activa21, impulsado polo goberno municipal ao longo de 2021 co obxectivo de acelerar a recuperación do tecido empresarial, cultural e turístico, a través de diferentes iniciativas e investimentos para fomentar a obra pública, entre outras medidas.

O Concello acordou destinar 150.000 euros para estas axudas directas, dos cales 100.000 proveñen de fondos propios e 50.000 dunha achega efectuada pola Deputación de Pontevedra.

O concelleiro de Facenda explica que “practicamente o 100% dos e das solicitantes contarán con achegas. Cumpriremos cos prazos dos pagos, que deben estar rematados antes do 31 de decembro”. Precisamente, ante a proximidade desta data, non existe a posibilidade de realizar unha segunda convocatoria, polo que a contía restante deses 42.444,80 euros serán destinados a outras iniciativas, como o pago de facturas correspondentes a investimentos e provedores.

Os beneficiarios destas axudas, que son totalmente compatibles con posibles achegas impulsadas desde outras administracións, poderán facer uso destes cartos para asumir custes derivados de alugamentos, recibos de luz, auga, electricidade ou saneamento; seguros de responsabilidade civil e accidentes, mercadorías vencelladas á actividade profesional ou salarios.

Esta liña súmase a outras iniciativas de carácter económico que o Concello foi impulsando desde o inicio da pandemia, entre as que se incluíron a devolución do recibo da taxa do lixo para os negocios pechados durante o confinamento ou para a hostalería durante os períodos nos que tiveron que pechar as súas portas por mor das restricións impostas pola Xunta.