Poesía e humor contra a violencia de xénero no Mestre Landín

Marín
19 de decembro 2019

O alumnado do IES Mestre Landín de Marín presenciou esta semana a actuación do grupo Aldaolado, formado por Lucía Aldao e María Lado, poetisas de consolidada carreira que no 2005 uniron os seus nomes e os seus esforzos para dar lugar a este dúo orientado á poesía escénica 

Actuación do grupo Aldaolado no IES Mestre Landín

O alumnado do IES Mestre Landín de Marín presenciou esta semana a actuación do grupo Aldaolado, formado por Lucía Aldao e María Lado, poetisas de consolidada carreira que no ano 2005 uniron os seus nomes e os seus esforzos para dar lugar a este dúo orientado á poesía escénica.

As poetisas ofreceron un recital atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público no que resultou de destacar a súa espontaneidade e complicidade en directo. En concreto, realizaron un recital poético e humorístico sobre a igualdade no que tamén houbo música en directo e usaron unha linguaxe moi próxima á adolescencia.

A actuación é resultado dunha partida económica extraordinaria procedente do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para empregar en actividades relacionadas coa promoción da igualdade entre homes e mulleres e coa prevención da violencia de xénero.  

Este orzamento  ten como finalidade a realización de actuacións que teñan como obxectivo último a prevención da violencia contra as mulleres dentro do plan de igualdade do centro, lexislación coeducativa, detección precoz do sexismo, prevención e intervención en casos de violencia de xénero, prevención da violencia sexual ou saberes libres de estereotipos de xénero.