A conta atrás para as eleccións xerais deste outono xa está en marcha e os partidos apuran as súas estratexias para o camiño ás urnas. No novo escenario político xurdido logo das eleccións municipais do 24-M, unha das rutas sobre as que se está a poñer máis atención é a que tomará Podemos e as distintas mareas xurdidas en todo o territorio galego. A nivel autonómico, xa se prodciron reunións e movementos entre Podemos Galicia e as mareas e agora estes encontros chegan a Pontevedra. A coordinadora xeral de Marea Pontevedra e a dirección de Podemos Galicia reuníronse este luns.
Marea Pontevedra sitúa esta reunión dentro dos encontros que ambas as dúas organizacións están a ter "para avaliar o novo tempo político que estamos a vivir e os necesarios procesos de confluencia cidadá iniciados xa nas municipais". No caso de Pontevedra, cabe lembrar que Podemos apoiou á candidatura de unidade popular que representou Marea.
Podemos Galicia, que tamén se fixo eco da reunión a través dun comunicado, enmarca o encontro no proceso de diálogo e achegamento cos diversos actores existentes no escenario político actual e sinala que hai unha "moi forte sintonía entre ambas partes".
Marea e Podemos sinalan que ambas as dúas agrupacións concordan na "necesidade de avanzar no proceso de suma de forzas" no que o destino sería a creación dunha candidatura de consenso entre as distintas mareas e os partidos políticos que as apoian e se integran nelas, fundamentalmente Podemos, Anova, Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista. Non será unha candidatura de partidos, senón social.
Segundo indica Marea nun comunicado, as dúas forzas políticas entenden que "é máis necesaria que nunca a construción dun bloque social e político de cambio que continúe o fío iniciado á calor do momento simbólico do 15M e construíndo ao longo dos últimos anos". Para ambas organizacións o importante é, pois, "o proceso, máis aló da concreción da formula electoral que en cada momento adquira o mesmo".
Marea Pontevedra confirmou a súa aposta por artellar unha candidatura, e reafirmou que vai seguir traballando para facilitala, dada a percepción dos grandes niveis de coincidencia entre os distintos suxeitos políticos que están a ser interpelados, nos que ve claramente posible encontrar unha fórmula xurídico-política que facilite a participación de todos eles.