Podan as acacias da rúa Andrés Mellado e retiran unha árbore que ameazaba con derrubarse

Pontevedra
05 de novembro 2020

A concellería de Desenvolvemento Sostible aproba a reparación das papeleiras da Avenida de Uruguai e a contratación dun servizo antigraffiti en Campolongo

Poda de acacias na rúa Andrés Mellado de Pontevedra Concello de Pontevedra

O servizo de Parques e Xardíns do Concello de Pontevedra concluíu este xoves os traballos de poda das ramas das acacias existentes na rúa Andrés Mellado, que incluíron a talla dunha árbore situada á altura do paso de peóns e as escaleiras que conectan con Augusto García Sánchez que estaba podre e supoñía un perigo para a cidadanía.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que  "para levar a cabo esta intervención contouse con dous camións dotados de grúa para a poda en altura e unha máquina trituradora, de xeito que os restos se poidan aproveitar, ben como cama para tratamentos de zonas verdes, ben como material de compostaxe".

Doutra banda, esta concellería acaba de formalizar a contratación de obras de reparación das papeleiras da avenida de Uruguai, valoradas en 1.808 euros, así como dun servizo de limpeza e protección antigraffiti no barrio de Campolongo e outras zonas da cidade por valor de 3.500 euros.